NOVOS IMAXINARIOS. Xornadas de reflexión sobre a imaxe
Ao longo de tres xornadas, Miguel Ángel Delgado proponnos reflexionar sobre unha selección de obras de cineastas e artistas galegas que, coas súas prácticas e a súa experimentación na intersección do cine e do museo, abriron novos imaxinarios cos que descubrir e interrogar a realidade. Unha realidade, ás veces complexa e convulsa, que será abordada por Alberto Ruiz de Samaniego, Xisela Franco, Jaime Pena e Marta Ramos-Yzquierdo nunha serie de encontros nos que se afondará nas temáticas xa formuladas polos e polas artistas da exposición Novos imaxinarios: desde a problemática da representación do horror e a violencia ata a relación do mito coa imaxe e a experimentación dun tempo fabuloso ou transhistórico.
PROGRAMA
XOVES 28
18:00 h. Proxeccións
- Ningún río me protexe de min
(Carla Andrade, 2021, 27 min) - Tatuado nos ollos levamos o pouso
(Diana Toucedo, 2022, 26 min) - Videogramas e Proba de axilidade
(Jaione Camborda, 2022, 1 min 39 s e 3 min 54 s)
VENRES 29
18:00 h. Encontro con Xisela Franco
19:00 h. Encontro con Marta Ramos-Yzquierdo
20:00 h. Proxeccións
- Cienfuegos 1913
(Margarita Ledo, 2008, 8 min 7 s) - Le paradis e Lo que no puede ser visto debe ser mostrado
(María Ruido, 2010, 3 min 48 s e 11 min 4 s) - Zeitübergreifend
(Bego M. Santiago, 2016, 8 min 32 s) - Hyohakusha
(Xisela Franco e Anxela Caramés, 2014, 27 min 34 s)
SÁBADO 30
10:00 h. Encontro con Jaime Pena
11:00 h. Encontro con Alberto Ruiz de Samaniego
12:00 h. Descanso
12:30 h. Coloquio con Xisela Franco, Marta Ramos-Yzquierdo, Jaime Pena, Alberto Ruiz de Samaniego, Miguel Ángel Delgado e Santiago Olmo
XISELA FRANCO (Vigo, 1978). Artista, cineasta e docente na Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo. Licenciada en Comunicación Audiovisual pola Universidade Europea de Madrid primeiro e posteriormente en Filosofía, obtivo un título de Master of Fine Arts na especialidade de Cine na Universidade de York (O Canadá), onde tamén foi profesora asistente de Film Art. A súa liña de investigación céntrase nas interseccións entre o cine e a arte contemporánea, as novas formas do cine e moi especialmente no cine de mulleres en Galicia.
MARTA RAMOS-YZQUIERDO (Saint Mandé, 1975). Licenciada en Historia da Arte pola Universidade Complutense de Madrid e máster en Xestión Cultural polo Instituto Ortega y Gasset. Desenvolve a súa práctica como curadora independente, centrada na análise das estruturas de poder e nas posibilidades de actuar sobre elas desde a práctica da arte contemporánea. Actualmente é comisaria residente no Centro de Cultura Contemporánea Condeduque e responsable do ciclo Así son las cosas. Visiones móviles de la historia a través de la práctica artística en Cineteca Madrid.
JAIME PENA (Miño, 1965). Doutor en Historia da Arte e programador da Filmoteca de Galicia. É membro do consello de redacción de Caimán - Cuadernos de Cine e colaborador regular en revistas como as arxentinas El Amante ou A Sala Llena. Autor de El cine después de Auschwitz. Representaciones de la ausencia en el cine moderno y contemporáneo (2020) e El espíritu de la colmena (2004), coordinou publicacións como Edward Yang (2008) ou Historias extraordinarias. Nuevo cine argentino 1999-2008 (2009), ademais doutras publicacións sobre o cine español e o audiovisual galego.
ALBERTO RUIZ DE SAMANIEGO (A Coruña, 1966). Profesor de Estética da Universidade de Vigo, crítico e comisario de exposicións. Publicou, entre outros, os seguintes libros: Maurice Blanchot: una estética de lo neutro (2001), Cabañas para pensar, Las horas bellas: escritos sobre cine (2015), Leyenda de Paradjanov, Alegrías de nada: ensayos sobre algunas estéticas de la anulación (2018), El lugar era el desierto: acerca de Pier Paolo Pasolini (2019). É codirector, xunto a José Manuel Mouriño, do filme Pessoa/Lisboa (2016).
