OUTRAS MÚSICAS SON POSIBLES. Programa de concertos didácticos
12:00 h. Segunda quenda
Este programa ten como obxectivo achegar a música contemporánea ao público infantil e espertar nas novas xeracións a curiosidade pola arte do noso tempo.
Ensemble Liberdade emprega técnicas de vangarda como a sound painting (pintura sonora) para compoñer material musical en tempo real; utiliza unha linguaxe de signos propia para comunicarse e recorre á improvisación como materia prima na procura de novas fórmulas para deconstruír os usos compositivos máis frecuentes.
Durante as sesións, abordarase a construción de diversas pezas musicais en directo, dunha maneira amena, práctica e participativa. O público terá a oportunidade de vivir en primeira persoa o proceso de creación dunha peza musical e de mergullarse de cheo na experimentación sonora.
Coa axuda dunha guía didáctica de apoio, o alumnado poderá reflexionar previamente na aula sobre cuestións como: que é música e que non o é?, por que nos gusta unha música e outra non?, onde podo atopar a música que me interesa?, hai músicas demasiado complexas ou demasiado simples?, hai músicas boas e músicas malas?
ESEMBLE LIBERDADE é un grupo de cámara composto por un cuarteto de corda, un trío de ventos e percusión.
Elena Vázquez, violín
María José Pámpano, viola
Macarena Montesinos, violonchelo
Saúl Puga, contrabaixo
Diego Alonso, saxo soprano
Xosé Miguélez, saxo tenor e gaita galega
Javier Pereiro, trompeta
LAR Legido, batería e percusións
Xacobe Martínez Antelo, dirección
DESTINATARIOS
Grupos de escolares do terceiro ciclo de educación primaria.
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición estará aberto do 25 de marzo ao 30 de abril de 2025. Os centros interesados deberán enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome do centro, número de participantes, curso ou idade, número de teléfono, enderezo electrónico e nome da persoa responsable do grupo.
As prazas cubriranse por orde de inscrición e os centros solicitantes recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.
