Pilar Albarracín
Pilar Albarracín. Foto: © Folmo 2022

PILAR ALBARRACÍN. "MANDALAS (ARC EN CIEL)". Conversa coa artista

18 Outubro 2024
19:00 h
Auditorio
Coordinación:
Virginia Villar
Prazas:
Entrada libre e gratuíta ata que se complete a capacidade da sala.

O CGAC convida a Pilar Albarracín a conversar sobre a súa obra Mandala (Arc en ciel) (2012), que se exporá no CGAC a partir do 18 de outubro de 2024 até 2025. É unha peza realizada con bragas de mulleres da contorna da artista, coas que compón formas circulares sobre un lenzo a modo de mandala, unha figura utilizada na tradición budista como ferramenta visual para a meditación.

Con este traballo, que pertence a unha serie máis ampla integrada por outras cinco pezas —actualmente nas coleccións do CAAC de Sevilla e do MUSAC de León—, a artista quixo facer unha obra participativa, onde a xente se implicase. Tal como explica ela mesma, foi recompilando “bragas de todo tipo, de España e de fóra, de mozas, de maiores, de gordas, de delgadas, festivas, eslamiadas, sofisticadas... diferentes. Un traballo que é tamén un mostrario de personalidades, de enerxías, de espíritos... sen deixar de ser unha reivindicación. É unha representación espiritual a partir dun obxecto de uso cotián case invisible, que non se mostra. Esa fina liña entre a espiritualidade e a ironía gústame e dáme que pensar”.

Emulando a práctica da elaboración de mandalas dos monxes budistas, Pilar Albarracín leva a cabo esta tarefa longa e laboriosa buscando o equilibrio e a harmonía estética en pezas nas que ten que unir a roupa interior de mulleres de talles, formas e estilos moi diversos. “Non é unha xeometría perfecta, pero é que na realidade a perfección non existe, aínda que as cousas reais achegan datos e certezas”. A través do mandala, Albarracín busca unha conexión transcendental entre todas as descoñecidas que regalan esa parte da súa intimidade para que sexa transformada en material artístico. Resignifica as pezas de roupa e crea unha composición sacra que combina o individual e o colectivo. Cada braga representa unha muller, esconde unha historia e, todas xuntas, revelan a historia da muller desde o simbólico, afastada do voyeurismo e o fetichismo tantas veces asociados a este obxecto.

Unha obra na que a artista nos mostra “a orixe dun novo mundo”.

 

PILAR ALBARRACÍN (Sevilla, 1968), vive e traballa entre Sevilla e Madrid. En 1993 licenciouse en Belas Artes pola Universidade de Sevilla. Desde comezos da década do noventa, o seu traballo —como unha das creadoras claves na renovación das linguaxes artísticas en España— púidose ver en importantes exposicións, tanto colectivas como individuais, en galerías e museos de todo o mundo, como o Musée d’Art Moderne de la Ville de Paris; o Hamburger Bahnhof de Berlín; o PS1 do MoMA de Nova York; o Istambul Modern Sanat Müzesi de Istambul; o Centro Nacional de Arte Contemporánea de Moscova, o Museo Kiasma de Helsinki, o American University Museum no Katzen Arts Center de Washington D.C. ou o Chengdu Contemporary Image Museum. Tamén participou nas bienales de Venecia, Busán, Moscova, Sevilla, Quebec e Lyon, entre outras.
No ano 2021, a artista presentou, no CGAC e no marco da segunda edición de Plataforma. Festival de Artes Performativas, a mostra Pilar Albarracín. Accións peregrinas. Realizou ademais a performance Acción peregrina I, en colaboración co grupo folclórico de música e baile Brincadeira, na que os seus integrantes masculinos e femininos inverteron, no seu espectáculo e para esta ocasión, os roles tradicionais de xénero.