PLATAFORMA. Festival de artes performativas. VI edición
Dirección: Mónica Maneiro Jurjo e Iñaki Martínez Antelo
Coordinación CGAC: Carmen Hermo
Plataforma. Festival de artes performativas naceu cun propósito: enriquecer e salientar a potencia cultural de Santiago de Compostela e toda a súa diversidade. Desde a posta en marcha do festival en 2020, este obxectivo materializouse en cada edición creando experiencias reais de comunicación entre o público e a cidade a través da arte. Cunha importante representación feminina e unha decidida aposta polo talento galego, Plataforma chega á súa sexta edición como un dos festivais de referencia da cidade e unha cita cultural imprescindible. Plataforma. Festival de artes performativas é un festival especial, cunha natureza híbrida e atrevida. Nel conflúen diferentes propostas atravesadas pola idea da performatividade, que poderemos gozar entre o 21 e o 25 de maio en distintos espazos culturais e nas rúas e prazas da cidade.
Nesta ocasión, o CGAC acollerá tres performances dirixidas a todos os públicos que se alternarán durante a tarde do sábado 24 de maio en distintas localizacións do museo.
PROGRAMA NO CGAC
24 DE MAIO, 17:00 h
ITSASO IRIBARREN E GERMÁN DE LA RIVA. IN BETWEEN
Lugar: hall do CGAC
Intérpretes: Itsaso Iribarren e Germán de la Riva
Duración: 30 min
In between é unha acción na que Itsaso Iribarren e Germán de la Riva comparten unha serie de esculturas que evolucionan segundo pasa o tempo. A peza materialízase nun formato en transformación: comeza como una instalación que acaba derivando nunha peza grupal cunha dinámica lúdica e participativa. Mutación, camiño, praxe ou límite son conceptos que sobrevoan esta proposta de contemplación e xogo.
ITSASO IRIBARREN (Pamplona, 1981) e GERMÁN DE LA RIVA (Santander, 1977) son artistas, investigadores e doutores en Belas Artes pola UCLM. Desde o ano 2006, o seu campo de traballo abrangue tanto a creación artística coma os procesos de investigación que nela se xeran. As súas obras xiran ao redor do corpo en movemento e dos sistemas que o compoñen, profundando nas relacións con outros corpos, coa tecnoloxía e coas contornas urbanas nas que habitan. Buscan nas técnicas somáticas e na improvisación coreográfica metodoloxías e ferramentas que lles permitan xerar linguaxes híbridas entre as artes visuais e as performativas. Actualmente, ambos traballan na Facultade de Belas artes de Cuenca, onde Itsaso é profesora e Germán investigador. Nesta institución e ao longo dos últimos anos, desenvolveron unha serie de pezas escultóricas concibidas para seren activadas polo corpo. Son accións nas que o xogo e a habilidade do ou da performer permiten intensificar a escoita e a autopercepción.
24 DE MAIO, 18:00 h
ITZIAR OKARIZ. RESPIRACIÓN OCEÁNICA
Lugar: auditorio do CGAC
Intérpretes: Itziar Okariz, coa colaboración de Izar Ocariz
Duración: 22 min
Esta obra constrúese a partir dun coro de respiracións. O ujjayi é un tipo de respiración que se utiliza na práctica do ioga. Esta palabra, que literalmente significa “eu vitorioso”, adoita traducirse como “respiración oceánica”, porque esa é a imaxe que evoca. A peza ten un carácter figurativo, entre o espazo abstracto do son da respiración e a imaxe que xera, coma se o signo e o significado estivesen separados, fracturados.
ITZIAR OKARIZ (Donostia / San Sebastián, 1968) traballa no ámbito da acción e a performance, cuestionando as formas de regular a linguaxe e a produción dos signos que nos definen. Entre os seus proxectos máis recentes, destacan as súas colaboracións con institucións como a Fundación Museo Jorge Oteiza (Alzuza, Navarra, 2020) ou a 13.ª Bienal de Shanghai (2020) e a súa participación en exposicións como Perforated by (no pavillón español da 58.ª Bienal de Venecia, xunto a Sergio Prego, 2019), I Never Said Umbrella (Tabakalera, Donostia / San Sebastián, 2018), Unha construción, é dicir, unha xerarquía de momentos, expresiva de certo concepto grande ou pequeno, abstracto esotérico (CA2M, Móstoles, Madrid, 2018), Itziar Okariz (Kunsthaus Baselland, Basilea, 2017) e Dream Diary (Ars Parcours, Basilea, 2017). A Izar Ocariz gústalle ler, escribir, debuxar e practicar karate. Ambas as dúas viven en Bilbao.
24 DE MAIO, 19:00 h
NOA E LARA CASTRO LEMA. PROFECÍA DO GRAN SOL
Lugar: hall do CGAC
Intérpretes: Noa e Lara Castro Lema
Duración: 25 min
Profecía do Gran Sol está enmarcada dentro da investigación que Noa e Lara veñen desenvolvendo no últimos tres anos e medio e que indaga nas estratexias da tradición oral da Costa da Morte e nos sistemas compartidos de coñecemento colectivo a través de contos, soños, historias e cancións.
Esta peza, en particular, toma como punto de partida o Gran Sol (chamado en francés Grande Sole, que significa “grande linguado”), un caladoiro no Atlántico Norte onde o avó das autoras pasou a meirande parte da súa vida faenando.
Xogando con este nome e coa súa tradución fonética do francés, traballarán con personaxes metade humanos e metade peixes, contando e cantando sobre soles (peixes) e soles (astros), xogando nunha narración onde pasado e futuro se unen no presente. Empregar o formato da profecía ou do presaxio para falar do que xa pasou axúdanos a xerar unha anomalía na narración que altera tamén o seu significado. Profecía do Gran Sol é un conto que reflexiona sobre a vida e a memoria, e sobre como o humano e o non humano están conectados a través das lembranzas, a violencia, o coidado, o traballo e a morte.
NOA e LARA CASTRO LEMA (A Coruña, 1998) cursaron un máster en Produción e Investigación en Arte na Universidade de Granada. En 2021, recibiron unha bolsa Fundación María José Jove para estudar no prestixioso Institut Kunst da Fachhochschule Nordwestschweiz en Basilea (Suíza), onde completaron un máster en Belas Artes en 2023. Participaron en diversos festivais e laboratorios de creación e recibiron bolsas de institucións como a Fundación “la Caixa” ou a Fundación Botín. Entre os seus proxectos e exposicións máis recentes, destacan Fresh Window (Museum Tinguely, Basilea, Suíza, 2024-2025), Monstro vello dos cantares (galería Argonautas34, Nigrán, Pontevedra, 2024), A era das fábulas. A arte e o poder rexenerador da fantasía (Museo de Pontevedra, 2024), Norte silvestre agreste (Galeria Municipal do Porto, Portugal, 2023-2024), El Gran Grito (Kunsthaus Baselland, Basilea, Suíza, 2023) e Where Will We Go from Here? Twelve Art Stories Told from Spain (Frankfürter Kunstverein, Frankfurt, Alemaña), organizada con motivo da Feira do Libro de Frankfurt de 2022.
