Portada  BLANCO 38

A PROPÓSITO DA MONOGRAFÍA "EN BLANCO" 38. Conversación con CREUSeCARRASCO e Xerardo Estévez

13 Novembro 2025
19:00 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Carmen Hermo
Dirección:
Juan Creus Andrade, Covadonga Carrasco López
Prazas:
250. Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

O estudio de arquitectura CREUSeCARRASCO protagoniza o número 38 da colección En Blanco, unha monografía que reúne unha selección de obras recentes organizadas arredor de catro temas: Porto, Habitación, Casa e Pendente. Cada un destes capítulos traza unha forma distinta de relación co territorio, o habitar e a xeografía galega. Todas as obras comparten un material vertebrador: o formigón, que en mans deste estudio transcende a súa condición industrial para converterse nunha materia próxima, sensible, que dialoga coa madeira e a pedra local. Non hai artificio: só unha forma de construír que se incorpora con naturalidade á paisaxe e á tradición recente.

O que distingue a obra de CREUSeCARRASCO é a súa capacidade para non impoñer formas e para escoitar o lugar. Arquitecturas como as actuacións sobre o Camiño Francés á súa chegada a Santiago de Compostela, a reurbanización do porto de Porto do Son, o Hotel Bela Fisterra ou a Casa Chao revelan unha sensibilidade particular cara ao contexto, entendido non como fondo neutro, senón como memoria activa que condiciona cada decisión do proxecto. Desde a fundación do seu estudio na Coruña en 1994, Juan Creus e Covadonga Carrasco desenvolveron unha práctica coherente, rigorosa e emocional, que abarca desde pezas de mobiliario ata intervencións urbanas a grande escala.

A publicación ofrece unha documentación excepcionalmente rica, xa que ás fotografías se suman planos, maquetas e detalles construtivos que permiten entender en profundidade o desenvolvemento de cada proxecto.

Nun encontro presentado por Santiago Olmo, director do CGAC, Juan Creus e Covadonga Carrasco conversarán con Xerardo D. Estévez Fernández, arquitecto especializado en urbanismo pola Escola Técnica Superior de Barcelona, autor con María Xosé Fernández e Carlos Seoane, entre outros, de Estudo sobre estratexias e criterios de integración paisaxística en torno aos Camiños de Santiago no Concello de Santiago de Compostela e coordinador das actuacións no Camiño Francés (con Creus e Carrasco e Eduardo Cruz), no Camiño Inglés (con Carlos Seoane) e no Camiño Portugués (con Alfonso Salgado).