PRÓXIMA PARADAAAA!… PALESTINA. Talleres para familias
Volvemos voar polo mundo con esta nova edición dos talleres para familias! Unha proposta onde tanto pequenos coma maiores poderán mergullarse nas múltiples posibilidades da arte contemporánea, experimentar e descubrir os procesos creativos dun xeito lúdico e libre, a partir do traballo de diversos artistas de zonas xeográficas nas que moitas veces non se pon o foco.
Nesta ocasión, aterramos nun lugar moi especial: Palestina. Un territorio devastado, cun futuro incerto, que garda unha cultura viva, unha historia profunda e tradicións que cómpre coñecer, respectar e celebrar. A través das obras de diferentes creadoras e creadores, achegarémonos a modos de entender a arte como xogo, protesta, expresión ou sanación.
Nas propostas deste ano, xogaremos coa abstracción e a figuración, coa creación de mundos en miniatura, coa exploración do espazo e da ficción científica, coa arqueoloxía inventada, co movemento e a interacción dos corpos, coas historias familiares e a tradición culinaria e coa luz, as sombras e a imaxinación para deixar a nosa pegada no espazo.
SAMIA HALABY
Sábado, 24 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo, 25 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 15 ao 22 de xaneiro
Samia Halaby foi unha das primeiras artistas palestinas en investigar as posibilidades da pintura abstracta. Neste obradoiro, imos inspirarnos nos seus vibrantes cadros para crear composicións cheas de enerxía e movemento, ideando novas formas de pintar con obxectos, teas e outros materiais. Axudarémoslle á pintura a saír do seu formato bidimensional para convertela noutra cousa: nunha escultura, nunha instalación que se expande polo chan, nun libro de artista… Tamén xogaremos coa superposición de cores e mesmo descubriremos a forma de pasar da figuración á abstracción, e viceversa!
MIRNA BAMIEH
Sábado, 21 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo, 22 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 10 ao 19 de febreiro
Para Mirna Bamieh é moi importante defender a súa terra e a súa cultura. A través da arte, cuestiona, denuncia, expón e visibiliza a situación do seu país e contribúe a que non se perdan as súas tradicións. A artista emprega a comida como un símbolo de unión entre persoas, recuperando receitas que conectan xeracións e combinando as artes culinarias coa performance e coa narración oral. Inspirándonos no seu traballo, exploraremos como a cociña pode converterse nun espazo de encontro e memoria: homenaxearemos as nosas propias tradicións familiares a través da creación dun gran receitario colectivo, xogaremos cos sabores e coas texturas para inventar comidas imaxinarias e descubriremos tamén as posibilidades pictóricas e sensoriais dos alimentos.
DIMA SROUJI
Sábado, 7 de marzo. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo, 8 de marzo. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 25 de febreiro ao 5 de marzo
Arquitecta e artista, Dima Srouji investiga a memoria das cidades a través dos seus obxectos e restos arqueolóxicos. Como unha auténtica detective, examina os edificios, os mapas e as características do territorio para protexelos do esquecemento ou denunciar inxustizas. Inspirándonos no seu traballo, combinaremos distintos materiais para crear os nosos propios tesouros, construiremos recipientes onde gardalos como se fosen auténticas reliquias e idearemos espazos para protexelos. Ademais, exploraremos as posibilidades dos mapas para transformalos en paisaxes lúdicas, sairemos a descubrir as historias que agochan as nosas rúas e elaboraremos amuletos con esencias, flores, sementes ou follas, convertendo a memoria familiar e os elementos naturais en creacións simbólicas que poderán acompañarnos sempre.
MONA HATOUM
Sábado, 18 de abril. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo, 19 de abril. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 9 ao 16 de abril
Mona Hatoum transforma o cotián en algo sorprendente, xogando co tamaño das cousas, coa presenza ou a ausencia e coas relacións das súas obras coas persoas. No seu traballo, obxectos domésticos convértense en mundos, as sombras cobran vida e o corpo actúa como instrumento e mensaxe. Neste obradoiro, exploraremos eses cambios de escala creando minimundos, inventaremos artefactos que só funcionan se dous participan xuntos e xogaremos con dinámicas de parella e movemento inspiradas nos seus vídeos. Sorprenderémonos co noso corpo e deixaremos rastros creando novos espazos con luces e siluetas.
LARISSA SANSOUR
Sábado, 23 de maio. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
Domingo, 24 de maio. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 12 ao 21 de maio
Larissa Sansour mestura a ficción científica co cómic, co vídeo e coa instalación para propoñer futuros alternativos e preguntarse como se constrúe a política e as historias que contamos. A súa obra lévanos ao espazo exterior, ao futuro ou a universos habitados por seres moi diversos, combinando humor, distopía e crítica social. Inspirándonos, crearemos países imaxinarios con forma de rañaceos, inventaremos personaxes e poderes, exploraremos planetas por descubrir e construiremos un gran universo colectivo feito de luces, sons e materiais sorprendentes.
INSCRICIÓN
Todos os talleres son de balde. Para participar, é necesario enviar, dentro dos prazos establecidos, unha mensaxe de correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. A mensaxe deberá incluír o título da actividade, os nomes e as idades das persoas que desexan inscribirse, un teléfono e un enderezo electrónico de contacto. Só se admitirán as solicitudes daquelas persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.
