FOTO TALLERES FAMILIAS

PRÓXIMA PARADAAAAA!… INDIA TALLERES PARA FAMILIAS

20 Xaneiro 2024 - 12 Maio 2024
sábados e domingos de 11:00 a 13:00h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Sara Donoso
Prazas:
10 menores, acompañados cada un por un máximo de 2 familiares en cada taller

Xa están de volta os talleres para familias! Esta actividade está deseñada para que as familias con nenos e nenas entre os 4 e os 9 anos poidan gozar e explorar o mundo da arte contemporánea desenvolvendo e potenciando as súas habilidades creativas.

Nesta ocasión, cambiamos de rumbo e mergullarémonos na India para coñecer a súa arte e a súa cultura. Crearemos obras con padróns xeométricos, transformaremos mapas e construiremos novos universos aos que viaxar. Tamén descubriremos o potencial dos obxectos cotiáns e como utilizalos para lles dar vida a novas obras de arte. Sorprenderémonos coas texturas que nos ofrece a natureza, experimentaremos co corpo e transformaremos espazos coas nosas intervencións.

 

Programa:

Laboratorio de obxectos. Subodh Gupta

Sábado, 20 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 21 de xaneiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 9 ao 18 de xaneiro

A obra de Subodh Gupta é unha explosión de obxectos convertidos en arte. Este artista transforma elementos cotiáns (en especial, utensilios de cociña, como tixolas e cazolas) en sorprendentes esculturas. Inspirándonos na súa obra, exploraremos outros usos para os obxectos que temos ao noso ao redor. Investigaremos os seus sons, as súas funcións, as súas posibles relacións cos nosos corpos e comprobaremos como poden converterse en impresionantes pezas de arte no noso laboratorio de obxectos.

 

Corpos, criaturas e vida. Bharti Kher

Sábado, 17 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 18 de febreiro. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 5 ao 15 de febreiro

Bharti Kher crea arte inspirada no mítico para falar da súa cultura e das relacións entre as persoas. Moitas veces, as súas esculturas mesturan humanos e animais suxerindo historias cargadas de fantasía. Nas súas pinturas e composicións abstractas, coloridas e misteriosas, utiliza o bindi (punto tradicional da India que se sitúa encima da sobrecella) como material principal. Neste taller interviremos imaxes con puntos de cor para crear composicións abstractas, faremos esculturas utilizando teas e os nosos propios corpos, e crearemos criaturas imaxinarias.

 

A natureza das cousas. Jitish Kallat

Sábado, 16 de marzo. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 17 de marzo. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 4 ao 14 de marzo

As obras de Jitish Kallat son como unha viaxe visual a través do tempo e do espazo. O universo, a ciencia, a natureza, os ciclos da vida e a lúa son algúns dos seus temas predilectos. Para coñecer máis de preto o seu traballo fixarémonos nalgúns elementos da paisaxe e escoitaremos como soa a natureza e como a imaxinamos. Tamén xogaremos coa luz e coas sombras a partir de diferentes experimentos.

 

Viaxes imaxinadas. Reena Saini Kallat

Sábado, 20 de abril. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 21 de abril. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 8 ao 18 de abril

Reena Saini Kallat busca crear un mundo máis xusto a través da arte denunciando as diferenzas de dereitos e liberdades que existen entre os diversos países. Para iso, utiliza mapas creados con fíos e cables que simulan barreiras ou fronteiras, pero que pola súa vez queren crear lugares máis fluídos, conectados e universais. Para a artista, a natureza é un exemplo de comunicación e utilízaa para fusionar animais e plantas procedentes de diferentes países nun novo lugar común. Como viaxar e conseguir a unión entre diferentes territorios? Axúdasnos a crear novos mundos con las, teas, luces e elementos naturais?

 

Espazos en transformación. Sheela Gowda

Sábado, 11 de maio. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos

Domingo, 12 de maio. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos

Prazo de inscrición: do 29 de abril ao 7 de maio

A través das súas instalacións, Sheela Gowda ofrece unha perspectiva única da súa contorna e fálanos do valor que poden ter as pequenas cousas. Utiliza madeira, fío e materiais pouco comúns como o cabelo e o incenso para espertar os nosos sentidos a partir de composicións moitas veces abstractas e coloridas. Inspirándonos nas súas grandes instalacións, utilizaremos materiais reciclados cos que transformar o espazo do taller. Probaremos a pintar con fío e exploraremos a arte cos cinco sentidos.

 

Inscrición:

Os talleres son de balde e para participar é necesario enviar, dentro dos prazos establecidos, unha mensaxe por correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. A mensaxe deberá incluír o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes das persoas participantes, as súas idades, un teléfono e un correo electrónico de contacto. Só se admitirán as solicitudes daquelas persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.