FOTO TALLERES FAMILIAS

PRÓXIMA PARADAAAAA!… IRÁN. Talleres para familias

18 Xaneiro 2025 - 18 Maio 2025
Sábados e domingos de 11:00 a 13:00 h

Realización do proxecto: Sara Donoso
Coordinación:
Virginia Villar
Prazas:
10 menores. Cada un deles poderá ir acompañado por un máximo de dous familiares en cada taller
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

Volvemos un ano máis cos talleres para familias! Un proxecto no que tías, sobriños, avós, netas, pais, irmáns… se poden introducir no mundo da arte contemporánea explorando cada etapa do proceso creativo a partir da obra de diferentes artistas.

Este ano continuamos a nosa viaxe polo continente asiático e faremos unha parada en Irán, un país cun amplo e rico acervo cultural que deixou unha profunda pegada nos seus artistas. Achegarémonos aos seus costumes, á súa lingua e ás súas paisaxes. Deseñaremos tatuaxes, elaboraremos a nosa propia colección de historias e construiremos escenarios a partir do traballo dunha serie de artistas que reinterpretan a súa cultura en clave contemporánea.

 

PROGRAMA

NADA É ARTE. PARVIZ TANALOVI
18 DE XANEIRO. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
19 DE XANEIRO. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 9 ao 16 de xaneiro
Parviz Tanavoli recorre á historia do seu país e ás súas tradicións para crear. O seu traballo busca trazar unha ponte entre o antigo e o moderno ensamblando artesanía e obxectos cotiáns que transforma en obras de arte. Nas súas pinturas e esculturas, atopámonos con criaturas ou animais xurdidos de diferentes fontes de inspiración: as historias de amor persas, a relixión ou iconas populares como a gaiola, o león, o cadeado e o paxaro.
A partir da obra deste artista, crearemos pezas empregando vellos obxectos e materiais reciclados, inventaremos animais mitolóxicos, xogaremos co corpo e deseñaremos a nosa propia liña de xoiaría.

CORPOS QUE FALAN. SHIRIN NESHAT
15 DE FEBREIRO. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
16 DE FEBREIRO. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 6 ao 13 de febreiro
Shirin Neshat utiliza a fotografía e o medio audiovisual para falarnos da condición da muller na sociedade islámica. Nas súas obras máis coñecidas mostra partes do seu corpo, como a cara e as mans, sobre as que escribe textos en caligrafía persa que reivindican a loita pola liberdade e a igualdade.
A partir do traballo de Shirin Neshat, exploraremos o noso corpo como un lenzo sobre o que pintar e desde o que expresar as nosas emocións e os nosos desexos. Poderemos crear as nosas propias tatuaxes efémeras.

CULTO E OCULTO! PARASTOU FOROUHAR
22 DE MARZO. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
23 DE MARZO. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 13 ao 20 de marzo
A obra de Parastou Forouhar transforma os patróns e os ornamentos en algo máis ca decoración: son atractivos debuxos que esconden historias profundas e difíciles. O seu traballo convídanos a mirar máis alá do que vemos a primeira vista e a descubrir mensaxes escondidas entre liñas e figuras.
Partindo dalgúns dos símbolos máis coñecidos da cultura iraniana, xogaremos co que se ve e co que non se ve, utilizaremos as formas decorativas para modificar o espazo e crearemos pequenos escenarios no ámbito do taller.

UN MUNDO EN MOVEMENTO. SAMIRA HODAEI
12 DE ABRIL. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
13 DE ABRIL. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 3 ao 10 de abril
Samira Hodaei fálanos das relacións entre as diferentes culturas e políticas do mundo. Ademais, explora temas que preocupan no seu país, Irán, como a identidade, a relixión ou o papel da industria petrolífera.
Neste taller utilizaremos teas e fío para crear transformando imaxes coñecidas en mosaicos que representen un mundo en constante cambio. Tamén exploraremos o papel fundamental das mulleres nos antigos oficios, creando pinturas e instalacións que nos lembren a importancia da súa contribución á historia e á cultura.

CONTOS E REFLEXOS. SHIRIN ABEDINIRAD
17 DE MAIO. Familias con nenos e nenas de 4 a 6 anos
18 DE MAIO. Familias con nenos e nenas de 7 a 9 anos
Prazo de inscrición: do 8 ao 15 de maio
Shirin Abedinirad é unha artista que trata de explorar a conexión entre as persoas e a natureza. Para iso, realiza obras de arte en diferentes formatos, como o vídeo, a performance ou a instalación, e un dos seus materiais predilectos son os espellos.
A través do seu traballo, coñeceremos as formas e o uso dos templos na cultura persa e conectaremos a historia antiga e o mundo actual. Experimentaremos coa luz e coa cor, reflexionaremos sobre os cambios da paisaxe e inspirarémonos en contos clásicos para transportarnos a mundos máxicos.

 

INSCRICIÓN

Os talleres son gratuítos e para participar é necesario enviar, dentro dos prazos establecidos, unha mensaxe por correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. A mensaxe deberá incluír o título da actividade na que desexan inscribirse, os nomes das persoas participantes, as súas idades, un teléfono e un correo electrónico de contacto. Só se admitirán as solicitudes daquelas persoas que teñan a idade sinalada para cada un dos talleres. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.