Horario: venres de 18:00 a 20:00 h / sábados de 10:00 a 14:00 h
Repetimos este ciclo de cursos prácticos para docentes que presenta a arte contemporánea como ferramenta de aprendizaxe na aula.
1 e 2 de febreiro. MATEMÁTICAS CON ARTE
Este curso analiza a arte como ferramenta para traballar as matemáticas de acordo cunha idea globalizada da educación onde os límites entre o museo e a aula, entre a plástica e as matemáticas se esvaecen.
As obras de arte, o noso corpo e o edificio que nos acubilla serán o punto de partida para experimentar cos números, a medida, a xeometría e as cuestións espaciais. Traballaremos coas obras de arte como base para aprender conceptos matemáticos e coas matemáticas como ferramenta para construír imaxes.
5 e 6 de abril. IMAXES QUE CONTAN HISTORIAS
A lectura de imaxes —a través da análise dos escenarios, a expresión facial e corporal, o vestiario ou o recoñecemento de símbolos e atributos— permitiranos asomarnos ao fascinante mundo da palabra e a imaxe.
Abordaremos a narración visual, oral e textual como un poderoso instrumento, tanto para a creación e gozo artístico, como para o proceso educativo.
15 e 16 de novembro. ARTE E ECOLOXÍA
A relación entre a arte e a natureza foi constante na historia da arte pero serán os artistas actuais os que se interesen polas relacións do ser humano e o territorio, os que conviden á reflexión sobre as agresións á nosa contorna e propoñan outros modelos de acción.
Neste curso exploraremos procesos e técnicas para aprender a observar, rexistrar, planificar, intervir, transformar, vivir, conservar e poñer en valor a nosa contorna a través da arte.
OBXECTIVOS
PERSOAS DESTINATARIAS
GAEL ZAMORA LACASTA
É titulada en Historia da Arte e Educación Primaria. Exerce como profesora do Departamento de Didáctica da Expresión Musical, Plástica e Corporal na Facultade de Educación de Segovia da Universidade de Valladolid. É ademais educadora artística con ampla experiencia en museos con todas as franxas de idade dentro da educación formal e non formal. Ten experiencia como coordinadora e relatora en cursos para docentes sobre creatividade, recursos didácticos e arte no Museo de Arte Contemporáneo Esteban Vicente, o Centro para las Artes y el Diseño Palacio Quintanar, o Museo Lázaro Galdiano, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Valladolid, a Universidade Autónoma de Madrid, o movemento de renovación pedagóxica Acción Educativa e os centros de Formación do Profesorado de Segovia e Cuenca.
INSCRICIÓN: O prazo de inscrición estará aberto desde o 17 de decembro de 2018 ata o 29 de xaneiro de 2019. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal no que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá un correo electrónico de confirmación.
MATRÍCULA GRATUÍTA
Este curso non está homologado como formación permanente do profesorado.
