SALTO CUÁNTICO. Programa de actividades en colaboración co CESGA
As relacións entre arte e ciencia non sempre son evidentes e, en ocasións, mesmo pode custar entendelas. Con todo, historicamente determinaron cambios nas metodoloxías de traballo de ambas as disciplinas, favoreceron a implementación de novas ferramentas e contribuíron a modificar as perspectivas. Na actualidade, a arte e a ciencia están máis preto ca nunca unha da outra.
Co obxectivo de profundar nestas vinculacións, o CGAC e o CESGA colaboran nun proxecto que se desenvolverá en diversas fases ao longo de 2024, cun programa de actividades no que os ámbitos artístico e científico se superpoñen e se entrelazan. O programa, promovido desde o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), inclúe, entre outras actividades, a exposición dunha peza escultórica de autoría coral e inspiración cuántica, encargada polo CESGA ao artista Diego Vites, e un ciclo de cinema dirixido por Sofía Naseiro, de KinocubeCinema. Completan a oferta unha serie de actos que terán lugar o 14 de abril co gallo da celebración do Día Mundial da Cuántica.
CICLO DE CINEMA O OLLO E A MÁQUINA
5-19 ABRIL | 18:00 h
O ollo e a máquina propón un percorrido narrativo, histórico, estético e científico pola sociedade occidental no século XX a través do concepto de computación e da súa representación audiovisual.
O ciclo desenvolverase ao longo de cinco xornadas centradas en cadansúa era: a era da máquina (1910-1920), a era atómica (1950-1960), a era espacial (1960-1970), a era da información (1980-2000) e a era cuántica (2010-2020), coa proxección dun filme por xornada.
Esta proposta non é o resultado da división regular dunha liña temporal en segmentos correspondentes aos distintos períodos, senón unha clasificación propia e subxectiva que responde á relación entre o avance da ciencia, a tecnoloxía, a arte e a estética de cada momento.
Todas as proxeccións irán precedidas dunha breve presentación e, ao remate, terá lugar un coloquio, conducido por Sofía Naseiro, que versará sobre a peza visualizada e axudará a poñela en contexto.
PROGRAMA
5 abril. Metropolis (Fritz Lang, 1927). VOSE
11 abril. Forbidden Planet (Fred M. Wilcox, 1956). VOSE
12 abril. 2001: A Space Odyssey (Stanley Kubrick, 1968). VOSE
18 abril. Tron (Steven Lisberger, 1982). VOSE
19 abril. ¡Salta! (Olga Osorio, 2023). VOE
DÍA MUNDIAL DA CUÁNTICA
14 ABRIL | 11:00-14:00 h
A celebración do Día Mundial da Cuántica ten como obxectivo promover a comprensión mundial da ciencia e a tecnoloxía cuánticas en todo o mundo. A data elixida é unha referencia ao número 4,14, os primeiros díxitos arredondados da constante de Planck: 4,135667696×10−15 eV.s = 0,000 000 000 000 004 135667696 electrovoltios por segundo, un produto de enerxía e tempo que é a constante fundamental que goberna a física cuántica.
PROGRAMA
11:00 h
Presentación da peza Salto cuántico (2023), concibida polo artista Diego Vites en colaboración co colectivo Nova Escultura Galega (NEG; Jorge Varela, Misha Bies Golas, Alejandra Pombo Su, Diego Vites) e Violeta. Participan os e as artistas, o director do CESGA, Lois Orosa Nogueira, e o director do CGAC, Santiago Olmo.
Salto cuántico é unha escultura interactiva que consta de tres módulos móbiles e intercambiables. A obra, que permanecerá exposta no CGAC desde abril de 2024 até febreiro de 2025, adopta a estrutura das primeiras computadoras dos anos corenta, tótems contemporáneos sobre rodas que permiten unha actualización constante, e funciona como unha escultura aberta no espazo cuántico.
12:00 h
Computación cuántica: que é?, para que serve?, onde estamos?, conferencia de Eduardo Sáenz de Cabezón
EDUARDO SÁENZ DE CABEZÓN (Logroño, 1972) é licenciado en Teoloxía (1996) e Matemáticas (2001), e doutor en Matemáticas (2008). Na actualidade, desempeña o seu labor docente como profesor titular do Departamento de Matemáticas e Computación na Universidade da Rioxa.
Coñecido ademais pola súa faceta de divulgador científico, é autor dos libros Inteligencia matemática (Plataforma Editorial, 2016), El árbol de Emmy (Plataforma Editorial, 2019), Apocalipsis matemático (Penguin Random House, 2020) e Invitación al aprendizaje (Penguin Random House, 2023).
Desde 2019 presenta en La 2 de RTVE o programa Órbita Laika. Ademais é autor e presentador dos podcast Órbita Laika (RTVE Play) e Materia absurda (Sonora), e guionista e presentador da canle de YouTube Derivando, dedicada ás matemáticas.
Foi o gañador do concurso de monólogos científicos FameLab en 2013 e representou a España na final internacional no Cheltenham Science Festival (Reino Unido). En 2019 recibiu o Premio Especial do xurado á Divulgación Científica Ciencia en Acción.
CICLO DE CONFERENCIAS ARTE E CIENCIA ENTRELAZADAS
ABRIL-OUTUBRO
DIRECCIÓN: José Edelstein Glaubach
COORDINACIÓN CGAC: Gema Baños Rodríguez
PROGRAMA
26 abril | 18:00 h
Había unha vez o universo, conferencia de Javier Argüello
JAVIER ARGÜELLO (Santiago de Chile, 1972) é escritor de conto, novela e ensaio. Publicou os libros Siete cuentos imposibles (Lumen, 2002), El mar de todos los muertos (Lumen, 2008), La música del mundo (Galaxia Gutenberg, 2011), A propósito de Majorana (Random House, 2015), Ser rojo (Random House, 2020) e Cuatro cuentos cuánticos (Random House, 2024), os cales foron traducidos a varios idiomas e recibiron diversos premios. É profesor de narrativa e de storytelling, dita conferencias e seminarios, e é colaborador habitual do diario El País.
22 xuño | 12:00 h
A ciencia e a condición contemporánea, conversa de Armin Linke con Mónica Bello, directora do programa Arts at CERN e comisaria da exposición Instrumentos de visión, e Carlos Salgado, director do IGFAE
ARMIN LINKE (Milán, 1966) é un artista visual que traballa coa fotografía e o cinema, poñendo en marcha procesos que cuestionan o medio, as súas tecnoloxías, estruturas narrativas e complexidades dentro de estruturas sociopolíticas máis amplas. As exposicións de Linke crean guións performativos nos que converxen diversas voces e métodos que desafían as convencións da práctica fotográfica.
A súa exposición Instrumentos de visión, que se pode visitar ata o 28 de agosto na Igrexa da Universidade, explora as dinámicas e a cultura dos laboratorios de física de partículas e as instalacións de investigación de toda Europa, incluídos o CERN e o IGFAE, entre outros.
27 xuño | 18:00 h
O metrónomo de Beethoven, conferencia de Almudena Martín Castro
ALMUDENA MARTÍN CASTRO (Madrid, 1986) é licenciada en Belas Artes, graduada en Física e cursou estudos de Grao Superior de Piano. Compatibiliza o seu traballo en deseño dixital cunha intensa actividade como divulgadora, pola que recibiu o premio Tesla de divulgación en 2017. O seu primeiro libro, La lira desafinada de Pitágoras (Harper Collins, 2022), no que relata como a música inspirou a ciencia para entender o mundo, recibiu o premio Prismas en 2023.
13 setembro | 18:00 h
A natureza do espazo-tempo, conferencias e mesa redonda coa participación de José Alberto Rubiño, Alicia Sintes, Alejandra Castro Anich e Gastón Giribet
Hai pouco máis dun século comprendeuse que o espazo e o tempo forman un tecido suxeito ás leis da teoría da relatividade: o espazo-tempo. A cadencia do paso do tempo deixou de ser un absoluto. Determinouse que o espazo-tempo se curva pola presenza de planetas, estrelas e galaxias, e que estes se moven seguindo os pregos resultantes. O século XX tamén nos permitiu entender en detalle de que están feitos eses planetas, estrelas e galaxias. De que está feita a materia e, sobre todo, cales son as súas leis: as da mecánica cuántica.
Pero as respostas xeran novas preguntas: Como naceu o espazo-tempo? Cal é a súa estrutura microscópica? Como se estenden as súas engurras? Pode morrer o espazo-tempo ou algunha parte del? Cal é a natureza do tempo? Cal é a imaxe máis antiga do cosmos? Como podemos interpretala? Que son os buracos negros? Que ocorre dentro deles?
Moitas destas preguntas, claves para o desenvolvemento da física do século XXI, son obxecto de investigación no IGFAE e por iso queremos compartilas co público xeral. Para iso, para falarnos do que sabemos e do que esperamos chegar a saber nos vindeiros anos sobre estas cuestións, convidamos a catro científicas e científicos de sona mundial.
Pecharemos a sesión cunha mesa redonda na que o público poderá realizar todas as súas preguntas.
JOSÉ ALBERTO RUBIÑO (Granada, 1975) é cosmólogo, profesor e investigador do Instituto de Astrofísica de Canarias. É responsable científico do experimento QUIJOTE CMB, investigador principal do Tenerife Microwave Spectrometer e foi coordinador dun dos grupos de ciencia da misión Planck (Axencia Espacial Europea). É autor de máis de trescentas publicacións científicas e do libro El fondo cósmico de microondas: observando el origen del universo. Precisamente, falaranos sobre a luz máis antiga do universo e sobre as claves que esta ofrece arredor do nacemento do espazo-tempo.
ALICIA SINTES (Mahón, Menorca, 1969) é física teórica, catedrática na Universidade das Illas Baleares e investigadora do Laser Interferometer Gravitational Observatory (LIGO), cuxo descubrimento das ondas gravitacionais deu lugar ao Premio Nobel de Física de 2017. Foi nomeada Filla Predilecta de Sant Lluís en 2018 e recibiu numerosos premios, incluído o Ramon Llull do Goberno das Illas Baleares. É autora de máis de catrocentas publicacións científicas. Falaranos do moito que podemos aprender a partir do murmurio provocado polo desprazamento das engurras do espazo-tempo.
ALEJANDRA CASTRO ANICH (Santiago de Chile, 1982) é física teórica, profesora e investigadora científica na Universidade de Cambridge. A súa formación académica iniciouse na Universidade Católica de Chile e, desde 2004, continuou nas universidades de Michigan, McGill (Montreal, Canada), Harvard e Ámsterdam. É autora de máis de sesenta artigos científicos. Falaranos sobre a natureza íntima do espazo-tempo: a gravidade cuántica e a holografía.
GASTÓN GIRIBET (Buenos Aires, 1973) é físico teórico, profesor e investigador da Universidade de Nova York. Foi tamén profesor de física teórica da Universidade de Buenos Aires, profesor visitante da Universidade Libre de Bruxelas e membro do Institute for Advanced Study de Princeton. É autor de máis de cento corenta publicacións científicas e dos libros Cuerdas y supercuerdas: la natureza microscópica de las partículas y del espacio-tiempo e Heidegger en los márgenes de la ciencia. Falaranos das criaturas máis enigmáticas do cosmos, os buracos negros, última fronteira do espazo-tempo.
11 outubro | 18:00 h
Mapeando a cultura: enredando ciencias e humanidades, conferencia de Gustavo Ariel Schwartz
GUSTAVO ARIEL SCHWARTZ (Buenos Aires, 1966) é físico e escritor. É científico titular do CSIC e desenvolve a súa actividade investigadora no Centro de Física de Materiais de San Sebastián. Tamén é fundador e director do programa Mestizaxes do Donostia International Physics Center. É coautor, xunto con Luisa Etxenike, da obra de teatro La entrevista. Tamén coeditou a obra colectiva #Nodos e publicou o fotolibro Creativium. Publicou máis de sesenta artigos científicos e mantén o blog Arte, literatura y ciencia.
UNIVERSO ENTRE CANCIÓNS
28 XUÑO | 19:30 h
Universo entre cancións é un espectáculo que fusiona arte e ciencia. Máis especificamente, no espectáculo entretécese un conxunto de narracións sobre o cosmos (o seu nacemento, o ceo nocturno, os astros que o habitan, o noso lugar no universo…) con cancións propias que o celebran.
Este proxecto xurdiu da necesidade de imprimirlles a nosa propia identidade musical aos temas de divulgación científica para darlles unha cor con matices enraizados na nosa historia e cultura. O cosmos da ciencia é o mesmo para calquera persoa que habite o planeta, pero a forma de nomealo, de narralo e de cantalo é singular de cada cultura. Este espectáculo é a nosa maneira de nos parar fronte á inmensidade do ceo.
O espectáculo foi concibido hai cinco anos e representouse en escenarios de Buenos Aires, Córdoba, La Plata, Pergamino, Posadas, Rosario, San Juan, Traslasierra e Villa Carlos Paz. A composición das cancións foi financiada por un proxecto do Fondo Nacional das Artes do Goberno arxentino.
JOSÉ EDELSTEIN (Buenos Aires, 1968) é físico teórico, profesor e investigador científico na Universidade de Santiago de Compostela. É autor de tres libros para todos os públicos, de textos de divulgación científica e de diversas colaboracións con artistas, así como conferenciante. En Universo entre cancións, ademais de colaborar nas letras dalgunhas cancións, fai de narrador, contando historias sobre a ciencia do ceo nocturno. Recibiu o premio Prismas en dúas ocasións e o seu traballo foi recoñecido, entre outras institucións, pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía, en 2012, e polo Goberno arxentino, que lle outorgou o Premio Raíces en 2018.
DANIELA DE RITO (Buenos Aires, 1978) é cantante e docente. Participou en diferentes agrupacións de tango e actuou en diferentes escenarios da cidade de Buenos Aires e a súa provincia, así como tamén en Europa e O Canadá. Actualmente reside en Traslasierra (Córdoba, Arxentina), onde exerce como docente de canto e de música. É parte do proxecto Universo entre cancións, no que participa como compositora e intérprete.
LORENA EDELSTEIN (Buenos Aires, 1973) é música e docente. Como percusionista participa actualmente de diversos proxectos que se presentaron en distintos espazos culturais da Cidade Autónoma de Buenos Aires (Viajera continental). É docente de Percusión no Programa de orquestras escola da provincia de Buenos Aires. Actualmente está traballando na produción do seu primeiro disco de cancións e forma parte, como compositora e intérprete, do proxecto Universo entre cancións, centrado na colaboración entre ciencia e arte.
![]() |
![]() |
![]() |



