SEMANA DOS MUSEOS OS MUSEOS COMO EIXES CULTURAIS: O FUTURO DA TRADICIÓN
O 18 de maio, Día Internacional dos Museos, celebrarase este ano baixo o lema Os museos como eixes culturais: o futuro da tradición. Nesta edición, o ICOM (Consello Internacional de Museos) propón subliñar os novos papeis que desempeñan os museos como axentes activos nas súas comunidades. Con este fin e ao longo da semana, o CGAC programa diferentes sesións de cinema, música, talleres didácticos e visitas guiadas que fomentarán a integración social e o achegamento da arte a todos os públicos.
CINEMA FANTÁSTICO CON MÚSICA EN DIRECTO PARA ESCOLARES
Martes 14 e mércores 15 de maio / De balde con inscrición previa
O CGAC convida o público escolar a gozar dun sorprendente programa de cinema fantástico de principios do século XX con banda sonora orixinal en directo. A compañía 16 mm, integrada polos músicos Macarena Montesinos e Paulo Pascual, realizará a composición, interpretación e improvisación musical en directo para unha selección de curtametraxes do visionario cineasta español Segundo de Chomón.
Este pioneiro, nacido en Teruel e coetáneo de Méliès, pensou no cinema como ferramenta para contar algo máis ca a realidade e atopou nel o espazo no que lles dar vida ás súas historias fantásticas. Innovou a técnica, deseñou unha máquina para lles dar cor aos filmes, adiantouse ao stop motion e ampliou a linguaxe cinematográfica nun tempo no que o cinema acababa de comezar. No CGAC poñerémoslles son e música (violonchelo, theremín e sonoridade de tecnoloxía actual) ao enxeño e ás fantasmagorías destas pezas: As bolboretas, Kiriki, En avant la musique, O rei dos dólares, Tulips, Hotel electric, Espectro vermello, Viaxe a Xúpiter.
PERSOAS DESTINATARIAS: alumnado dos ciclos de primaria, secundaria e bacharelato
INSCRICIÓN: para participar é preciso escribir unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que se indique os seguintes datos: nome do centro, idade do alumnado, número de participantes, teléfono, enderezo electrónico, persoa de contacto, sesión á que desexan asistir.
DATAS, HORARIO E PRAZAS:
14 de maio: Prazas completas
15 de maio: Primeira sesión: de 11:00 a 11:40 h. Prazas: 250
Segunda sesión: de 12:00 a 12:40 h. Prazas: 250 DURACIÓN: 40 min
TALLER O MUSEO DO FUTURO
Colaboración coa Fundación Eduardo Pondal, Ponteceso, A Coruña
Martes 14 de maio / Dirixe: Lara Torres
O CGAC desprázase á sede da Fundación Eduardo Pondal na semana dos museos coa vontade de abrir o museo á sociedade.
Traballaremos cos nenos e nenas nun taller no que se reflexionará sobre a arte e a arquitectura partindo da súa propia realidade urbanística e paisaxística.
Logo de repasar algunha das claves da arquitectura contemporánea, traballaremos para crear o noso propio espazo museístico combinando formas, proporcións, equilibrios, materiais e texturas. Cada participante desenvolverá a súa creatividade individual deseñando o seu propio museo que, nunha segunda fase de traballo en equipo, se integrará cos museos dos compañeiros e compañeiras para crear un espazo museístico a grande escala.
PROGRAMA DE EDUCACIÓN ARTÍSTICA PARA A INTEGRACIÓN DE PERSOAS CON DIVERSIDADE FUNCIONAL
Mércores 15 de maio / Horario: de 17:00 a 19:30 h / De balde con inscrición previa / Dirixe: Adriana Pazos
Concibimos o museo como un lugar aberto ao encontro das diferenzas e por iso na semana dos museos propoñemos unha sesión especial deste programa de educación artística dirixido a todos os públicos para a integración de persoas con diversidade funcional.
Aula diversa busca facilitar a todos e todas o acceso á experiencia museística abríndose á pluralidade de lecturas, á reflexión crítica e ao intercambio, aglutinando diferenzas intelectuais, sociais, ideolóxicas, educativas, culturais e emocionais a través de estratexias educativas e creativas. Procuramos un espazo de aprendizaxe inclusiva no que todo o mundo poida achegar os seus coñecementos e experiencias desde as súas perspectivas múltiples para xerar un foro físico, conceptual e social común. As sesións estarán adaptadas ás necesidades específicas dos colectivos asistentes e combinarán visitas guiadas con talleres didácticos. Traballaremos co noso corpo, co espazo que nos rodea e trasladaremos as ideas á experimentación física, escénica, obxectual e plástica.
PERSOAS DESTINATARIAS: o programa está dirixido a todos os públicos e idades (adultos e público infantil a partir de 4 anos).
INSCRICIÓN: o programa é gratuíto e para participar só é preciso escribir a auladiversacgac@gmail.com e indicar o nome do colectivo ou das persoas participantes e o da persoa responsable, as súas idades, as súas necesidades, un teléfono de contacto e un enderezo electrónico. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.
PRAZAS: en función dos colectivos ou persoas que se inscriban na actividade, acordarase un número de prazas adecuado para o seu bo funcionamento. Os nenos e nenas de 4 a 8 anos deben asistir acompañados por unha persoa adulta.
PROGRAMA DE VISITAS GUIADAS Á ARQUITECTURA E Á HISTORIA DO CGAC
Venres 17 e domingo 19 de maio / Ás 12:00 h / De balde
Con motivo do Día Internacional dos Museos, programamos unhas visitas especiais arredor da arquitectura e a historia do CGAC. Percorreremos desde o pórtico exterior ata a cuberta do edificio na que está instalada de xeito permanente a obra Triangular Pavilion do artista Dan Graham.
Durante o transcurso destas visitas falarase do deseño de Álvaro Siza Vieira, da súa estreita relación formal e conceptual co parque de Bonaval e coa cidade que o acolle e tamén de curiosidades e de anécdotas.
Para participar nesta actividade non é preciso solicitar cita previa. As visitas partirán da recepción do CGAC ás 12:00 horas e terán unha duración aproximada de 50 minutos. O grupo formarase por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas.
VISITA GUIADA ÁS EXPOSICIÓNS
Sábado 18 de maio / Ás 12:00 h / De balde
O público poderá achegarse ao CGAC para gozar das mostras de Loreto Martínez Troncoso, Angela de la Cruz e René Heyvaert acompañado por mediadoras especializadas en arte. Esta visita ten como finalidade estimular o interese pola creación artística contemporánea e facilitar a comunicación entre o espectador e as obras de arte.
Para participar nesta actividade non e preicso inscribirse previamente. A visita partirá da recepción do CGAC ás 12:00 horas e terá unha duración aproximada de 50 minutos. O grupo formarase por orde de chegada ata un máximo de 25 persoas.
