Concertos Didácticos
Concertos Didácticos

SEN PARTITURA. Concertos didácticos para violín, percusión, corpo e voz

18 Maio 2026
10:30 h. Primeira quenda
12:00 h. Segunda quenda
Auditorio
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Xacobe Martínez Antelo
Prazas:
250 por quenda
Matrícula:
De balde con inscrición previa
Duración:
1 hora

Esta actividade, que está enmarcada na celebración do Día Internacional dos Museos, ten como obxectivo principal achegar a creación contemporánea ao alumnado de educación primaria e espertar a súa curiosidade pola arte do noso tempo.

Cando nos expoñemos a unha obra de arte, sexa pintura, escultura, música ou danza, poden xurdir unha serie de preguntas: Que significa? Que nos queren dicir as artistas? Entendo esta peza? É unha obra boa ou mala? Isto é arte? Se ademais falamos de arte contemporánea, estas e outras interrogantes tórnanse máis habituais. Pero... e se o problema está nas preguntas? Neste concerto propoñemos facer o camiño ao revés: imos amosar como traballan os artistas desde o inicio dunha peza, poñendo o foco non no resultado final, senón no impulso inicial que lle dá orixe á obra e no proceso. Será un concerto multidisciplinario no que algunhas das persoas integrantes da ensemble non pertencen ao ámbito musical. Entendendo o corpo como un instrumento máis, convidamos a catro músicos e a dúas bailarinas a formar parte desta agrupación.

O concerto articularase mediante a técnica de vangarda Soundpainting, ideada por Walter Thompson como unha ferramenta para a composición en tempo real. O director da formación comunicarase co grupo mediante unha linguaxe de signos específica que servirá tanto para improvisar sons e movementos como para crear unha acción en escena. A intensidade, a duración, a emoción, o volume, o modo, os desprazamentos, o uso do espazo, os elementos ou as persoas implicadas estarán determinados por unha combinación de xestos que as persoas asistentes irán identificando pouco a pouco.

O público terá a oportunidade de vivir en directo a construción de diversas pezas e de participar no proceso de composición dun xeito ameno, práctico e dinámico.

Os integrantes deste sexteto son María José Pámpano (violín), LAR Legido (percusión e obxectos sonoros), Estefanía Gómez e Alba Fernández Cotelo (corpo en movemento), Rubén Fernández (voz) e Xacobe Martínez Antelo (dirección).

 

MARÍA JOSÉ PÁMPANO combina a interpretación musical coa investigación e a xestión cultural. Violinista, violista e fidulista formada no Conservatorio Superior de Música de Vigo e especializada en interpretación historicamente informada na Escola Superior de Música e das Artes do Espectáculo do Porto, desenvolve unha traxectoria marcada pola versatilidade e a actividade artística. Lidera iniciativas como Concerto das Donas e forma parte de agrupacións como Orquestra Galega de Liberación, Ensemble Liberdade ou Suelen Estar Quartet, pioneiro na improvisación libre con instrumentos clásicos.

LAR LEGIDO combina a batería coa improvisación libre e a investigación sonora. Fórmase no Centro de Encontro para o Desenvolvemento da Improvisación (CEDI) en Madrid e orienta o seu traballo cara á experimentación. Pioneiro da improvisación libre en Galicia, funda o grupo Parto e desenvolve proxectos como o Aquófono. Colabora na creación do Centro de Novas Tecnoloxías do Pico Sacro e da Orquestra de Música Espontánea de Galicia (O.M.E.G.A.). Cunha intensa actividade artística, combina o seu labor docente con concertos e performances, relacionando a batería con estruturas non convencionais en proxectos como Sumrrá ou Malandrómeda.

ESTEFANÍA GÓMEZ e ALBA FERNÁNDEZ COTELO combinan a danza coas artes escénicas. Bailarinas, coreógrafas e docentes galegas, son directoras da Compañía de Danza Exire desde 2016. Con ampla traxectoria en danza contemporánea e urbana, fundaron a súa compañía tras anos de experiencia no ámbito escénico galego, creando pezas propias e colaborando con outras compañías e entidades.

RUBÉN FERNÁNDEZ é intérprete vocal, compositor e multiinstrumentista. Graduado superior e máster pola ESMUC (Escola Superior de Música de Cataluña) na especialidade de jazz. Ten unha ampla traxectoria de interpretación, improvisación e composición nos eidos da performance e das artes escénicas por todo o territorio peninsular e europeo. É docente en varios conservatorios en Galicia de música moderna e jazz.

XACOBE MARTÍNEZ ANTELO é músico, emprendedor e activista cultural. De formación ecléctica e autodidacta, aparece en máis de cincuenta traballos discográficos que van desde o jazz, o rock, a música tradicional e o teatro ata as músicas do mundo. Vén sendo unha figura imprescindible na escena musical galega dos últimos vinte e cinco anos, e no eido da divulgación desenvolve concertos didácticos e clases maxistrais desde hai máis de vinte anos. Son seus proxectos como Sumrrá, Orquestra Galega de Liberación, Martelo ou a dirección musical e sonora do Grupo Chévere.

DESTINATARIOS
Grupos de escolares do primeiro e segundo ciclo de educación primaria.

INSCRICIÓN
O prazo de inscrición estará aberto do 14 de abril ao 12 de maio de 2026. Os centros interesados deberán enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal cos seguintes datos: nome do centro, número de participantes, curso ou idade, número de teléfono, enderezo electrónico e nome da persoa responsable do grupo.
As prazas cubriranse por orde de inscrición e os centros solicitantes recibirán unha notificación do estado da súa solicitude por correo electrónico.