
SESIÓNS DIDÁCTICAS PRESENCIAIS E EN LIÑA PARA ESO, BAC E CICLOS FORMATIVOS. A ARTE COMO PLATAFORMA PARA A IGUALDADE. MULLERES ARTISTAS
O obxectivo desta actividade é achegar a arte contemporánea aos centros educativos e estimular o interese das novas xeracións pola creación artística do seu tempo.
A idea destas sesións monográficas é introducir temas transversais á educación, como a ecoloxía, a igualdade, a identidade ou a emigración, co fin de que o alumnado poida comprender o mundo que o rodea a través da expresión artística.
Tanto no formato presencial coma en liña, amosaremos o papel da arte como motor de cambio abordando o traballo de diferentes artistas que reflexionan sobre a igualdade.
A partir dunha gran variedade de soportes, materias, discursos, miradas e posibilidades expresivas, profundaremos en artistas e proxectos que tratan e reivindican cuestións como a idea de xénero, a igualdade (de raza, de clase, de xénero…), a maternidade, ou o papel da muller na sociedade e na historia da arte. Por que non pasaron á historia moitas mulleres artistas? Imos coñecer algunha excepción como o caso de Artemisa Gentileschi e tamén nos achegaremos a figuras contemporáneas como Judy Chicago, Birgit Jürgenssen, Ana Mendieta, Mónica Mayer ou Barbara Kruger.
Veremos como a arte ten o poder de espertar as nosas mentes e impulsar unha sociedade máis xusta, dentro e fóra dos museos.
Segundo ciclo de ESO, bacharelato e ciclos formativos
SESIÓNS PRESENCIAIS
Duración: 90 minutos / Prazas: máximo 25 persoas
Os grupos que visiten o CGAC realizarán, ademais, un taller creativo arredor dos contidos propostos durante a conversa.
Inscrición: A actividade é de balde e, para participaren, os centros interesados deberán enviar unha mensaxe electrónica a onlinecgac@gmail.com coa seguinte información: nome do centro educativo e da persoa responsable, número de persoas de que consta o grupo, curso ou idade das persoas participantes, día e hora en que desexan realizar a sesión, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto.
SESIÓNS EN LIÑA
Duración: 50 minutos / Prazas: máximo 25 persoas
Aos grupos que participen nas sesións a distancia, propómoslles a realización dunha creación colectiva no seu centro educativo.
Requisitos técnicos: O centro educativo deberá dispor do equipo técnico preciso para participar nunha reunión telemática (aula equipada cun ordenador con cámara e micro, altofalantes e pantalla).
Inscrición: A actividade é de balde e, para participaren, os centros interesados deberán enviar unha mensaxe electrónica a onlinecgac@gmail.com coa seguinte información: nome do centro educativo, curso ou idade das persoas participantes, día e hora en que desexan realizar a actividade, un número de teléfono e un enderezo electrónico de contacto e mais o nome da persoa responsable.
Unha vez que se acepte a solicitude, os centros recibirán as indicacións precisas para accederen á sesión en liña.