Jorge Macchi: La ascensión, 2005
Jorge Macchi: La ascensión, 2005

SOLOS NO CGAC. Ciclo de música

26 Maio 2025 - 26 Novembro 2025
20:00 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Carmen Hermo
Dirección:
Rosa María Fernández
Prazas:
250. Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

A música dos séculos XX e XXI interpélanos propoñéndonos distintas formas de preguntarnos sobre a nosa identidade, tanto a quen busca afirmarse a partir do xa coñecido coma a quen pensa nun xeito radical de experiencia.

Os compositores e compositoras presentes neste ciclo revolucionaron a conciencia da nosa época, traspasando as fronteiras que a música habitualmente lle asigna á pura beleza, á experimentación ou, pola contra, ao consumo de masas.

O ciclo Solos no CGAC presenta o encontro do público coas composicións imprescindibles do noso tempo: aquelas que mellor souberon mostrar a pluralidade dunha época a través das súas distintas estéticas e formulacións formais. Este programa aborda, así mesmo, o encontro cunha serie de intérpretes que aceptan o reto formulado por estas composicións, asumindo con iso o risco de se situar xusto nas fronteiras menos escoitadas da arte actual. Así pois, cada unha das obras aquí propostas tradúcese nun testemuño distinto do tempo presente.

O ciclo consta de catro concertos a solo (piano, voz, acordeón e percusión) nos que os e as intérpretes se dirixirán ao público asistente para explicar, con exemplos, os aspectos máis relevantes das obras e de quen as compuxo, a súa motivación para a elección das pezas e os desafíos que lles presentan.

Nas mesmas datas e en horario de mañá, o CGAC ofrecerá, ademais, un programa de concertos didácticos con inscrición previa dirixidos ao alumnado de educación secundaria.

 

PROGRAMA

Luns 26 de maio, 20:00 h
Concerto de Alberto Rosado (piano)
PROGRAMA DE MAN

Mércores 1 de outubro, 20:00 h
Concerto de Helena Ressurreição (mezzosoprano)
PROGRAMA DE MAN

Mércores 29 de outubro, 20:00 h
Concerto de María Zubimendi (acordeón)
PROGRAMA DE MAN

Mércores 26 de novembro, 20:00 h
Concerto de Noè Rodrigo (percusión)
PROGRAMA DE MAN

 

ROSA MARÍA FERNÁNDEZ (Ponferrada, León, 1969) é doutora cum laude en Musicoloxía pola Universidade Autónoma de Barcelona. Obtivo a súa licenciatura en Xeografía e Historia na Universidade de Oviedo e é académica correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando pola provincia de Barcelona.