Suelen Estar Quartet

SOUNDPAINTING TT’25. Faladoiro con Walter Thompson e acción performática a cargo de Suelen Estar Quartet

13 Xullo 2025
13:00 h
Auditorio del CGAC
Coordinación:
Gema Baños
Matrícula:
Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala

A soundpainting cumpre 51 anos. E o seu creador, Walter Thompson, volve a Compostela para formar parte do International Soundpainting Think Tank, organizado este ano pola Orquestra Galega de Liberación. A soundpainting é unha lingua de signos aplicada á composición multidisciplinar en tempo real. Neste faladoiro, Walter Thompson compartirá con Xacobe Martínez Antelo e con outros e outras soundpainters internacionais as súas impresións, a súa memoria e a súa visión de futuro para esta xenial ferramenta que foi quen de cambiar centos e milleiros de vidas artísticas en todo o planeta. En representación da Orquestra Galega de Liberación, Suelen Estar Quartet desenvolverá a parte práctica e sonora do faladoiro poñéndose ao servizo dos e das soundpainters asistentes para exemplificar os temas tratados durante a sesión.

 

SUELEN ESTAR QUARTET

Sen partituras, pero herdeira da tradición clásica e influenciada por estilos musicais diversos, a formación Suelen Estar Quartet foi pioneira no ámbito nacional no eido da libre improvisación a partir dos instrumentos clásicos de corda.

Creado en Vigo no ano 2011 por Elena Vázquez (violín), María José Pámpano (violín/viola), Macarena Montesinos (violoncello) e Saúl Puga (contrabaixo), este cuarteto de corda conta cunha extensa traxectoria artística que inclúe a participación en festivais como o WOS Festival, Zarata Fest, Festival TPS, Binaural Fest, Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, Festival Música no Ar, Imaxina Sons, Festival Alt e Festival Seis Cordas, entre moitos outros.

A agrupación, caracterizada pola súa gran versatilidade e pola súa capacidade creativa instantánea, é convidada frecuentemente a colaborar con outros artistas e agrupacións do ámbito contemporáneo e da arte sonora, como Vertixe Sonora, Dorian Wood, Pablo Rega, Orquestra de Música Espontánea de Galicia (Omega), Christina Vantzou, Sumrrá ou FAIA. Actualmente, son cuarteto residente das formacións Ensemble Liberdade e Orquestra Galega de Liberación, nas que afondan sobre a linguaxe da soundpainting e a composición in situ baixo a dirección do contrabaixista Xacobe Martínez Antelo.