
SANTIAGO DE LESTE A OESTE: CADERNO DE VIAXE
O obxecto deste taller é sacar a creatividade que levamos dentro. Para iso, valerémonos do debuxo como instrumento de linguaxe porque o realmente importante é que os nosos debuxos falen por nós. Que a liña substitúa a letra. O que imos pór en práctica é unha actitude, máis que o desenvolvemento dunha aptitude. Consiste en deixar a mente en branco, non pensar, abrir todos os poros da percepción e deixar que sexa a intuición a que decida o que imos debuxar.
De ver, pasaremos a mirar e da mirada, á contemplación. Deste xeito, captaremos a esencia que se agocha trala aparencia. Faremos xuntos o mesmo percorrido pola cidade. Rexistraremos ese itinerario cunha secuencia de debuxos e remataremos cunha posta en común ao final do percorrido cos cadernos despregados no chan. Tentaremos que a nosa pequena viaxe urbana sexa única e irrepetible.
Jorge Arranz (Madrid, 1956), é licenciado en Belas Artes e Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid. Debuxa o que nos rodea e conta o que descobre. Retrata cidades a través de apuntamentos, bosquexos, debuxos e pinturas que se converten en ideas e proxectos que máis adiante amosa por medio de exposicións, serigrafías, postais, carteis e libros. Interésalle a ilustración de prensa e todo o relacionado co achegamento entre cidadán e coñecemento a través do debuxo. Fixo publicidade, debuxos animados para televisión, ilustracións para libros de texto, caricatura política para prensa, exposicións, viñetas, historietas urbanas e cadernos de viaxe sobre diferentes cidades. Colabora co diario El País desde 1986. A súa última publicación é un libro de debuxos sobre o Museo Thyssen-Bornemisza de Madrid (treseditores, Madrid, 2011).
Nota: Ás 20:00 horas, despois do taller, Patito Editorial presentará no CGAC Galicia en tren, o último traballo de Jorge Arranz.
INSCRICIÓN: O taller é de balde, os interesados poderanse inscribir a partir do día 18 de xuño, chamando ao teléfono 981 546 602 ou enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es cos seguintes datos: nome completo, enderezo postal e electrónico, teléfono de contacto e ámbito de estudo ou traballo.
HORARIO: De 11:00 a 19:00 horas
DESTINATARIOS: Profesores, estudantes e todas aquelas persoas interesadas nas artes plásticas e na expresión artística
PRAZAS: 20
MATERIAL: Os asistentes poderán traer un caderno persoal e un equipo de debuxo para traballar na rúa.
IMPARTIDO por Jorge Arranz
COORDINACIÓN: Virginia Villar
COLABORACIÓN con El patito editorial