TALLER DE CREACIÓN DIXITAL COLECTIVA CON PURE DATA

22 Setembro 2012 - 04 Novembro 2012

O taller estará dividido en dous bloques independentes. No primeiro, introducirase o contorno Pure Data e traballarase empiricamente sobre distintas técnicas de creación de música por ordenador. O segundo centrarase en como transformar as ditas técnicas en instrumentos musicais máis complexos e, coa intención de formar unha orquestra electroacústica, introduciranse aspectos de interacción musical mediante computadoras, performance en rede e espacialización.

Bloque 1: Taller de software bending. O punto de partida será unha serie de programas (patches) escritos en Pd e dedicados a xerar e modificar sons de diversa natureza. O contacto con estas técnicas realizarase de maneira activa, manipulando os programas ofrecidos para obter variacións sobre os procesos e os sons iniciais. Dun xeito experimental, os participantes achegaranse a nocións de audio dixital, a técnicas de creación de música por computador e ás características xerais de calquera linguaxe de programación orientada á produción de son/música.

Bloque 2: Orquestra electroacústica. Este bloque centrarase na formación dun grupo de creación colectiva a partir dos medios presentados no encontro anterior. Fabricaranse instrumentos musicais complexos, introduciranse controladores (hardware), tratarase sobre a expansión dos instrumentos en rede con múltiples usuarios e presentaranse diferentes técnicas de espacialización sonora para grupos de computadores e fontes acústicas. O taller rematará coa presentación pública dunha serie de pezas, instrumentos e improvisacións guiadas que exploten os materiais traballados.

Ángel Faraldo (Ferrol, 1980)

Compositor, improvisador e deseñador de instrumentos dixitais. Interésanlle especialmente os procesos que explotan recursos mínimos, como demostran o seu ciclo The Feedback Study Series (que abrangue pezas para instrumentos e música electrónica, traballos con danza, e instalacións), o seu sintetizador dixital MISS (que adoita utilizar en concertos de música improvisada, tanto só como en diversas combinacións) ou as súas sonificacións interactivas dos Texworks de Tanja Smit.

Presentou o seu traballo en festivais e salas de Europa e dos Estados Unidos, a súa música edítase libremente en varios net-labels a través de Internet, e a súa actividade como músico electrónico desenvólvese integramente con software libre.

Ademais, dirixe talleres sobre música electrónica e improvisación e colabora como deseñador de instrumentos dixitais e músico electrónico con agrupacións como Modelo62, POW Ensemble ou Fonos21. É membro da formación Vertixe Sonora, coa que participa, desde a súa fundación, en numerosos concertos.

www.angelfaraldo.info

DIRECCIÓN: Ángel Faraldo

COORDINACIÓN: Cristina Trigo

HORARIO

Bloque 1: 22-23 setembro de 10:00 a 14:00 h

Bloque 2: 3-4 novembro de 10:00 a 14:00 h e de 16:00 a 18:00 h

Presentación pública dos traballos realizados no taller: 4 de novembro ás 20:00 h

DESTINATARIOS

Estudantes, profesionais e persoas interesadas no eido da música e da creación artística con tecnoloxía dixital.

Nota: Os participantes deben dispor dun ordenador portátil e duns auriculares. No inicio do taller facilitaránselles aos asistentes os arquivos de instalación de Pure Data (software libre multi-plataforma de código aberto) canda os materiais dixitais necesarios (programas, documentos en formato pdf, arquivos de son, etc.).

INSCRICIÓN E MATRÍCULA

As solicitudes para asistir ao taller pódense presentar na recepción do CGAC, chamando aos teléfonos do Servizo de Actividades e Proxectos Educativos ou ben a través do correo electrónico cgac.actividades@xunta.es, indicando os seguintes datos: nome, enderezo postal e electrónico, teléfono de contacto e ámbito de estudo ou traballo. Hai dúas modalidades de inscrición segundo se desexe asistir ao taller completo ou só a un dos bloques. O prazo remata o 20 de setembro.

O prezo da matrícula para os alumnos que desexen asistir ao taller completo é de 60€. O prezo de matrícula de cada un dos bloques por separado é de 30€ (1º bloque) e 40€ (2º bloque).

Para formalizar a matrícula as persoas inscritas deberán ingresar a cantidade correspondente na conta bancaria número 2080- 0542-36-3040011511 de Novagaliciabanco indicando o nome completo e o nome do taller ou do bloque en que se inscribiron.

O xustificante do ingreso (proporcionado pola entidade bancaria) entregarase antes de que remate o seminario na recepción do CGAC xunto cunha copia do DNI.

O CGAC expediralles un certificado de asistencia e aproveitamento ás persoas participantes.