TALLER DE PERFORMANCE. O CORPO TRANSPARENTE

28 Setembro 2012 - 05 Outubro 2012

Inicialmente o taller centrarase na identificación e na práctica das estratexias fundamentais da performance, atendendo de xeito especial ao papel do corpo e ás súas implicacións nas diferentes fases de creación. Traballando con exercicios baseados no son, o ritmo, a presenza, o tempo, o azar e o espazo, as persoas asistentes terán a oportunidade de ampliar o seu abano de recursos expresivos desenvolvendo proxectos propios e xerando novos discursos que desafíen a materialidade da obra de arte.
O taller está aberto a todos os tipos de público de todos os campos do coñecemento. As sesións terán un carácter eminentemente práctico e un enfoque baseado na importancia da experiencia, pero incluirán tamén unha breve introdución aos alicerces teóricos da performance e un achegamento á obra de artistas españois cuxo traballo se está a desenvolver enteiramente no marco desta disciplina, como Juan Hidalgo, Bartolomé Ferrando, Los Torreznos, Nieves Correa ou María A. A. Para abordar estas cuestións, as persoas asistentes ao taller terán á súa disposición unha bibliografía que incluirá textos de Joan Casellas, Esther Ferrer, Richard Martel, Marta Pol, Pierre
Restany, Jaime Vallaure e Valentin Torrens, entre outros.

CARLOS TEJO
Artista e profesor titular da Universidade de Vigo. A súa liña de investigación está centrada no estudo de prácticas artísticas non obxectuais que, partindo do uso do corpo, do tempo e do espazo, exploran, cuestionan ou denuncian problemáticas xeradas en contextos periféricos. Así mesmo estuda a fotografía entendida como ferramenta de rexistro e documentación de prácticas performativas. Na súa faceta de investigador aborda temáticas relacionadas con aspectos identitarios, de xénero e transculturais. Paralelamente ao seu traballo como docente e investigador impartiu diferentes talleres e conferencias en museos e universidades de Alemaña, Romanía, EUA, Cuba e Brasil. Desde o ano 2004 dirixe as xornadas de arte de acción Chámalle X, organizadas pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra.
Como artista desenvolveu proxectos no Colexio de España en París; na Universidade de Washington, Seattle; na Akademia Stuck Pieknych, Varsovia; no Instituto Superior de Arte (ISA), A Habana; no Centro Cultural de España, San José de Costa Rica; no Centro Galego de Arte Contemporánea, Santiago de Compostela; na Secretaría de Cultura de Renania-Wesfalia, e na Australian Catholic University (ACU), Sydney.


IMPARTIDO POR: Carlos Tejo
COORDINACIÓN: Virginia Villar


HORARIO
Venres, 28 de setembro, de 17:00 a 21:00 h
Sábado, 29 de setembro, de 10:00 a 14:00 h
Venres, 5 de outubro, de 17:00 a 21:00 h
Sábado, 6 de outubro, de 10:00 a 14:00 h


DESTINATARIOS
O taller está dirixido a persoas interesadas na cultura contemporánea.


PRAZAS: 15


INSCRICIÓN
O taller é de balde e os interesados poderanse inscribir chamando ao teléfono 981 546 602 ou enviando un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.es cos seguintes datos: nome completo, enderezo postal e electrónico, teléfono de contacto e ámbito de estudo ou traballo. As prazas cubriranse por orde de inscrición.