Talleres de lecer

TALLERES DE LECER 2021

06 Xullo 2021 - 16 Xullo 2021
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Begoña Paz e Iciar Ezquieta

Este verán retomamos os talleres didácticos dirixidos a nenos e nenas entre os 6 e os 11 anos.

 O obxectivo deste programa é achegar o público infantil á arte contemporánea desde o lecer. Os participantes poderán adquirir ferramentas ou estratexias para a creación e reflexionar sobre o mundo que os rodea e experimentalo a través a arte.

As artistas e docentes Begoña Paz e Iciar Ezquieta conducirán varios talleres arredor das exposicións que temos en curso no CGAC. 

No primeiro taller coñeceremos a mostra Camiños I, unha escolma de obras de artistas que crean e reflexionan sobre o feito de camiñar, pasear, percorrer, contemplar ou peregrinar apoiándose en soportes como o vídeo, a fotografía, a pintura, a escultura e a instalación. 

Co segundo grupo partiremos da exposición Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York amarga, vinculada á fotografía, á cidade, á paisaxe humana e á literatura, para crear os nosos propios relatos e propostas creativas.

Empregaremos como marco diferentes espazos da arquitectura de Álvaro Siza Vieira e da súa contorna, como a cuberta do edificio e os xardíns do parque de Bonaval.

Programa:

Imos de paseo

Do 6 ao 9 de xullo

Horario: de 11:00 a 13:00 h

Idade: de 6 a 8 anos

Prazas: 10

Neste taller partiremos da experiencia lúdica do camiñar para cultivar miradas nas nenas e nenos participantes.

Poremos en práctica conceptos como inventar, cuestionar, coñecer, expor, expresar, coleccionar, rexistrar, reflexionar... para achegarnos aos procesos e procedementos artísticos que empregan algúns dos artistas da exposición Camiños I. Achegarémonos ao debuxo e á experimentación gráfica, ás formas, texturas, cores e olores, ao espazo natural e ao construído.

Exploraremos o paseo como o feito de camiñar por pracer sen un destino determinado e desenvolveremos accións colectivas de creación e diálogo desde a experiencia sensorial individual da nosa contorna.

 

Fotoficcións

Do 13 ao 16 de xullo

Horario: de 11:00 a 13:00 h

Idade: de 9 a 11 anos

Prazas: 10

Este taller centrarase en xerar correspondencias de creación entre as nenas e nenos para construír unha narración visual propia. 

Partiremos dunha escolla de fotografías da exposición Carles Fontserè e Camilo José Cela. Nueva York amarga para elaborar un relato de ficción a través das diferentes linguaxes plásticas como a colaxe, a composición visual, a palabra a través da imaxe, a creación de volumes ou a escenografía como xogo de representación.

Inscrición:

Os talleres son de balde.

As solicitudes de inscrición poderán presentarse a partir do 22 de xuño ata o 5 de xullo ás 13:00h a través do enderezo electrónico cgac.educacion@xunta.gal e deberán conter os seguintes datos: nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico, título do taller no que desexan inscribirse e o nome e número de DNI das persoas que poden recoller os menores no CGAC unha vez finalizada a actividade.

Poderase inscribir un máximo de dous participantes por solicitude. O CGAC confirmará mediante unha mensaxe electrónica a recepción e o estado das inscricións.

O número de prazas dispoñibles para participar nas actividades do CGAC pode variar en función das medidas adoptadas polas autoridades sanitarias fronte á COVID-19.