
TALLERES DE NADAL 2023 - 2024
Este Nadal propoñemos dous obradoiros para os pequenos da casa. Os nenos e as nenas de entre 4 e 9 anos poderán mergullarse no mundo da arte contemporánea da man da artista Haya Blanco e da educadora Susana Varela.
Xa poden prepararse para rir, coñecer, mancharse, moverse, bailar, crear e levar algunha sorpresa!
Que hai neste caixón?
27, 28 e 29 de decembro
Horario: 11:00-12:30 h
Idade: de 4 a 6 anos
Prazas: 12
Imparte: Haya Blanco
Algúns caixóns da nosa casa e, sobre todo, das casas que visitamos, como as dos nosos avós, tías ou amigos…, convértense nos nosos espazos favoritos. Moitas veces agochan verdadeiros tesouros inclasificables: un abelorio, un obxecto que brilla, unha figuriña rota, algo escrito, un lazo, unha foto, un marco, unha chave que non abre nada…
A nosa misión para este obradoiro é rescatar esas pezas esquecidas. Buscaremos xoguetes rotos, contos usados, pelotas perdidas, xoias desemparelladas… Cousas que aparentemente non teñen relación entre elas e ás que lles daremos unha nova vida xuntándoas e compoñendo unha obra de arte tridimensional.
Ademais, entenderemos o espazo do taller como un enorme caixón e experimentaremos o que supón ser un obxecto. Como vos comportariades se fósedes unha pelota saltarica, un Superthing coxo ou un anaco de espello?
Tamén faremos unha obra multicolor de gran formato e deixaremos que sexa o ritmo da música o que guíe o movemento dos nosos corpos ao pintar. Traballaremos individualmente, mais tamén de xeito colectivo e consecutivo, coma nun xogo de remudas. Correremos para darlles o relevo aos nosos compañeiros e compañeiras e seguiremos creando onde o deixaron.
Procuraremos ir máis alá do soporte furándoo e introducindo elementos que o atravesen, que saian, que entren, que aparezan e desaparezan, e que acheguen volume e ritmo visual.
Fotosía
3, 4 e 5 de xaneiro
Horario: 11:00-13:00 h
Idade: de 7 a 9 anos
Prazas: 15
Imparte: Susana Varela
Neste obradoiro somerxerémonos no máxico mundo da fotografía a fin de desenvolver a nosa creatividade e descubrir o potencial artístico deste medio.
Crearemos un libro de artista. Traballaremos con ideas e fontes de inspiración, aprenderemos a capturar e editar imaxes, e deseñaremos e montaremos o noso fotolibro.
A imaxinación e a técnica xuntaranse para alterar a realidade e concibir imaxes sorprendentes e surrealistas.
Crearemos imaxes calidoscópicas e recorreremos aos efectos dos reflexos e das cores manipulando prismas, lentes, filtros e lanternas.
Experimentaremos cos puntos de vista, co enfoque, coa luz, cos obxectos, cos corpos…, de xeito que lles daremos vida ás nosas propias historias visuais.
Haya Blanco e Susana Varela
Os obradoiros son de balde.
As solicitudes de inscrición poderán presentarse do 14 de novembro ao 18 de decembro de 2023, ás 13:00 h, enviando unha mensaxe de correo electrónico a edu.cgac@gmail.com. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, número de teléfono, enderezo de correo electrónico e nome do taller no que desexan inscribirse.
Poderanse inscribir, como máximo, dous participantes mediante cada solicitude. Cada unha das persoas solicitantes recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.