Imaxe Talleres de Nadal

TALLERES DE NADAL 2025

22 Decembro 2025 - 30 Decembro 2025
Coordinación:
Virginia Villar
Matrícula:
de balde con inscrición previa

Este Nadal o CGAC organiza dous talleres dirixidos a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos. Trátase dunha actividade lúdica que lles permitirá achegarse á arte contemporánea e experimentar distintas prácticas creativas da man das educadoras Sofía Mediero e Lucía Amoedo.

Coñeceremos o universo de múltiples artistas mergullándonos nas exposicións Territorio. Videoarte desde Centroamérica, Carlos Pazos. Nicasso e Percepción e incerteza, que se poden ver no CGAC.

Introducirémonos na historia das culturas orixinarias de diversos países centroamericanos e exploraremos aspectos como os seus rituais, as súas tradicións, o seu sentido comunitario ou a súa relación coa natureza. Observaremos tamén os elementos pop da obra de Carlos Pazos e reflexionaremos sobre a maxia que encerra o acto de coleccionar. Que coleccionamos e por que? Ademais, visitaremos unha intrigante instalación que nos convida a aventurarnos máis aló do visible.

En relación con estas mostras, lanzaremos unha batería de propostas creativas adaptadas aos diferentes tramos de idade: traballar con materiais como o azucre para construír esculturas efémeras, crear máscaras con elementos maleables, tomar conciencia do corpo e xogar coas súas posibilidades de transformación e expresión, facer colaxes, resignificar obxectos cotiáns dotándoos de propiedades creativas, buscar o vínculo entre as cores e as emocións inventando a nosa propia cor, privarnos do sentido da vista para percibir o mundo desde o tacto, o olfacto e a confianza nos demais, facer unha cata olfactiva con aromas da nosa contorna ou ver imaxes que se transforman ao movérmonos no espazo para inspirarnos na elaboración de seres híbridos.

Estimularemos as emocións, a imaxinación e a improvisación, de xeito que cada participante descubra o seu propio xeito de mirar, sentir e crear.

 

PROGRAMA

AO MEU XEITO
22 e 23 de decembro
Horario: de 11:00 h a 12:30 h
Idade: de 4 a 6 anos
Prazas: 15
Prazo de inscrición: do 19 de novembro ao 17 de decembro
Imparte: Sofía Mediero

NIN CASO!
29 e 30 de decembro
Horario: de 11:00 h a 13:00 h
Idade: de 7 a 9 anos
Prazas: 20
Prazo de inscrición: do 19 de novembro ao 22 de decembro
Imparte: Lucía Amoedo

 

REALIZACIÓN DO PROXECTO

Sofía Mediero e Lucía Amoedo

 

INSCRICIÓN

Os talleres son de balde. As solicitudes de inscrición poderán presentarse enviando unha mensaxe de correo electrónico a inscricionscgac@gmail.com. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome do taller no que desexan inscribirse, nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, número de teléfono, enderezo electrónico e nome e número de DNI das persoas autorizadas para recoller os e as menores ao rematar a actividade.
Poderanse inscribir un máximo de dous participantes e cada un deles debe cubrir a súa propia solicitude. As persoas solicitantes recibirán unha mensaxe electrónica de confirmación. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.