Imxe obra Naufus Ramírez
Naufus Ramírez-Figueroa: "Abstracción azul", 2012

UNHA VISIÓN DE CENTROAMÉRICA. Charla de Santiago Olmo sobre a exposición "Territorio. Videoarte desde Centroamérica"

10 Decembro 2025
19:00 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
CGAC Gema Baños
Dirección:
Santiago Olmo
Prazas:
250
Matrícula:
Entrada libre e gratuíta até completar a capacidade

Territorio é unha exposición de vídeo que busca achegar ao público as particularidades da escena artística de Centroamérica a través de 18 proxeccións de artistas procedentes de Guatemala, Nicaragua, Costa Rica, El Salvador, Honduras e Panamá.

Desde finais da década de 1990, o vídeo consolidouse como unha ferramenta central, tanto nos debates artísticos como na difusión das obras e prácticas dos artistas centroamericanos entre os distintos países da rexión e cara ao exterior. No panorama latinoamericano, os países do istmo seguen a ser os menos coñecidos, e as súas realidades sociais e políticas continúan sendo das máis fráxiles e convulsas do continente.

Con todo, neste contexto adverso e complexo xurdiron propostas artísticas e literarias —algunhas cun forte compoñente crítico e reivindicativo— que foron pioneiras e contribuíron a pulverizar convencións e estereotipos.

A partir da súa experiencia persoal en Centroamérica, Santiago Olmo —comisario da mostra xunto a Rossina Cazali— presentará unha lectura cultural, social e política da rexión, baseada nas súas viaxes, proxectos curatoriais e encontros con escritores e artistas locais. Durante a súa charla, repasará algúns dos libros reunidos nas vitrinas que pechan a exposición e ofrecerá ao público suxestións para continuar explorando e coñecendo a riqueza da produción artística e literaria centroamericana.