WE REFUGEES . READING_STATE OF SIEGE , 2019 UN PROXECTO DE JESÚS PALOMINO. PERFORMANCE

03 Outubro 2019

Horario: 20:00 h
Acceso libre e de balde ata completar a capacidade da sala

“Durante os meses de outubro e novembro de 2016 presentei, en colaboración co Festival Internacional de Arte e Dereitos Humanos ARTifariti, o proxecto READING_State of Siege. Este festival ten lugar cada ano nos campamentos de refuxiados saharauís de Tinduf en Alxeria.

A miña proposta foi moi sinxela: un grupo de actores-performers, homes e mulleres, lerían o poema Estado de sitio do autor palestino Mahmoud Darwish. O público convidado ao evento sentaría ao redor dos lectores, aproximadamente uns 30 ou 40 minutos, durante a devandita lectura nunha localización elixida especialmente para levar a cabo a performance. O lugar escollido foi unha silenciosa haima que xerou a atmosfera perfecta para a lectura do poema.

O público puido seguir a lectura coa axuda dun pequeno libro do poema Estado de sitio publicado especialmente para a ocasión. A edición en árabe de Estado de sitio constou de 1.000 exemplares distribuídos gratuitamente entre o público interesado dos campa- mentos. As portadas dos libros foron de cor vermella, negra, branca e verde. As mesmas cores das bandeiras da República Árabe Saharauí Democrática e de Palestina.

A lectura en árabe do poema foi un acontecemento en por si xa que os performers leron a totalidade da obra na escuridade axudándose apenas cunha pequena lanterna. Estas condicións foron especificamente deseñadas para provocar unha recepción particular e altamente estetizada da lectura. As voces no interior da haima, ás escuras, resoaron de maneira especialmente intensa a pesar de que a acción se levou a cabo de maneira antiteatral e nada afectada. Os lectores (dúas mulleres alxerianas, dous homes saharauís e outros dous alxerianos), seguindo as miñas instrucións, leron diante dun numeroso público coma se o fixesen para si mesmos, cun ritmo pausado e un ton de voz suave e concentrado. Considero que o resultado do proxecto na súa totalidade foi unha experiencia en grao sumo positiva, estimulante e catártica. Desta certeza xorde agora a idea de propoñer novamente unha acción similar con ocasión da exposición We Refugees na cidade de Santiago de Compostela en colaboración co Centro Galego de Arte Contemporánea”.

Jesús Palomino