Wolframio é un proxecto en curso iniciado por Eva Lootz con motivo da exposición Cut Through the Fog. Trátase dun traballo de investigación que indaga no papel das minas de volframio en Galicia durante a Segunda Guerra Mundial, así como nas repercusións que a extracción dese metal tivo no tecido social galego.
A finais dos anos trinta, Galicia converteuse no principal provedor de volframio da Alemaña nazi, materia prima que os alemáns precisaban para endurecer o aceiro dos seus tanques e proxectís. Este feito desencadeou a moitas veces mencionada —pero nunca de todo esclarecida— “guerra do volframio”. Coincidindo co final da Guerra Civil e ante a escaseza de forza de traballo nas minas, durante este período destináronse continxentes de presos políticos aos labores extractivos.Este episodio, aínda hoxe reprimido na conciencia xeral, marcou a vida de miles de persoas e está na orixe de grandes fortunas. O seu interese non radica apenas no seu aspecto de novela negra, senón no feito de que constitúe un exemplo, explícito e relativamente próximo, do limbo en que se consegue manter a relación intrínseca das materias estratéxicas coa violencia e os intereses do poder.
As preguntas ás que o proxecto Wolframio pretende dar resposta son as seguintes:
Cales son as minas de volframio que existen en Galicia e onde se sitúan?
Cantos homes, cantas mulleres e cantos nenos traballaron nesas minas entre 1939 e 1955?
Que cantidade de volframio se extraeu das minas galegas e se enviou a Alemaña?
Como influíu a minería do volframio no PIB da poboación galega e que incidencia tivo na emigración?
Quen foron os máximos beneficiarios do tráfico do volframio?
Folleto da actividade
Eva Lootz (Viena, Austria, 1940)
En 1994 obtivo o Premio Nacional de Artes Plásticas; en 2009, o Premio Tomás Francisco Prieto da Real Casa da Moeda; en 2010, o Premio MAV de Mulleres nas Artes Visuais; e en 2013, o Premio da Fundación Arte y Mecenazgo.
Entre as súas exposicións cabe destacar: Noche, decían (Barcelona, 1987), A Farewell to Isaac Newton (Londres, 1994), La lengua de los pájaros (Palacio de Cristal do Retiro, MNCARS, Madrid, 2002), A la izquierda del padre (Casa da Moeda, Madrid, 2010) e La canción de la tierra (Tabacalera, Madrid, 2016).
DESTINATARIOS: Ao tratarse dunhas xornadas de investigación interdisciplinaria a convocatoria está aberta a calquera persoa adulta con interese no tema e, en particular, a persoas con formación en campos como a arte , a historia , a xeoloxía, a socioloxía e a antropoloxía.
PRAZAS: mínimo 5 / máximo 20
MATRÍCULA: 10 €
INSCRICIÓN:
O prazo para a recepción de inscricións finalizará o luns, 20 de novembro.
O CGAC expediralles un certificado de asistencia e aproveitamento ás persoas que participen no taller.
COORDINACIÓN: Gema Baños
