Carrusel de imaxes de exposición

Pausa
  • 0
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
  • 6
  • 7

ÂNGELA FERREIRA. POUCO A POUCO

05 Xullo 2019 - 29 Setembro 2019
Comisariado:
Bruno Leitão
Artistas:
Ângela Ferreira

Desde o principio da súa investigación e da súa práctica artística, Ângela Ferreira traballou sempre co legado colonial de África e, nun sentido amplo, coas relacións entre Europa e o continente africano. Por unha parte, céntrase nos vestixios arquitectónicos do século XX, tan intimamente vinculados ao modernismo, e, por outra, nas promesas da arte e do cine como instrumentos de emancipación crítica para pensar e poñer en práctica renovadas utopías.

O título da exposición refírese á película de Jean Rouch Petit a petit (1971), que contén un dos temas centrais da obra deste cineasta e constitúe, pola súa vez, o núcleo da obra de Ferreira: a confrontación de africanos con europeos ou, polo menos, a historia desa coexistencia.

Como pensadora das relacións entre Europa e África, Ferreira é unha voz forte —e en ocasións solitaria— que, dentro do panorama artístico portugués, abordou a cuestión das utopías descolonizadoras e as súas promesas de emancipación. A partir das ideas de Homi Bhabha, Franz Fanon ou Amílcar Cabral, o seu traballo permítelle revisitar as prácticas internacionalistas que aspiraron a construír unha idea de nacionalidade descolonizada e repensar os fundamentos das patrias liberadas. O seu enfoque politizado, pero nunca panfletario, permite unha visión sen complexos, pero sofisticada, dos flaxelos da racialización, o extractivismo e a subalternización.

O conxunto de obras que se presenta na exposición proporciona unha visión a través dos fitos da súa investigación artística, que reflicte a evolución do discurso estilístico e a vontade da artista, desde o inicio da súa carreira, de colocar a arte occidental en paralelo coa non occidental e tender pontes insospeitadas entre a arte politizada dos construtivistas e a arte autónoma dos minimalistas norteamericanos, os proxectos fílmicos de Jean Rouch ou a entrada do debate das independencias na cultura pop a través da voz de Bob Dylan.

Fronte á monumentalización, Ângela Ferreira concibe o seu traballo como unha suma de pequenos actos e propostas que pouco a pouco lle permiten repensar os lugares comúns dunha relación entre pobos sobre a cal se funda todo o sistema de acumulación desde o protocapitalismo.

Folleto da exposición

Vídeo presentación