FSWD / IDENTIDADE E TERRITORIO
From Spain With Design (FSWD) é un proxecto de READ, Red Española de Asociaciones de Diseño, concibido de forma colaborativa como unha ferramenta para a proxección do deseño español a nivel nacional e internacional.
Neste marco, presentamos a exposición FSWD / Identidade e territorio, que recolle proxectos de deseño de distintas áreas que, máis aló de responder ao lema da convocatoria, destacan pola súa calidade, pola súa proxección no mercado nacional e internacional, por ser un modelo de sinerxía entre deseñador e empresa, por dar respostas coherentes e construír valor.
A esta idea vertebradora súmanse distintos eixes conceptuais que contribúen a acoutar unha selección de 135 obras de diferentes ámbitos: Identidade e territorio, Interseccións, Internacionalización, Sustentabilidade e Complicidades. A través deles achegámonos de maneira sutil aos relatos que nos ofrecen tanto obxectos como espazos ou formas de comunicar; que tiveron como obxectivo un uso, unha utilidade, un fin; e que crearon identidade desde o contexto en que naceron, co que responderon a un problema ou demanda e, sobre todo, á necesidade das persoas.
Identidade e territorio. É o eixo principal que recolle propostas que falan do patrimonio e que suman as voces dos seus habitantes, beben dunha cultura e un espazo natural e unha identidade local para crear un imaxinario propio que dialoga cun relato universal e global. O deseño interpreta —e interpela— o sentimento de pertenza, modos de actuar nun espazo xeográfico, valores, regras e lazos comunitarios en relación co territorio e vólveos a situar cunha mirada transformadora. Así o manifestan obras como Baleas de Jon Abad, que nos falan do mar e da memoria vasca ou Val de Barco de Tomás Alonso, unha reinterpretación do traballo artesanal, realizada con granito de Vincios e madeira de castiñeiro de Lalín. Pezas que contrastan cos parasoles de Odosdesign, que nos falan da calor e do sol mediterráneo.
Interseccións. A práctica do deseño atravesa cada vez máis áreas e conecta diversos ámbitos e actividades profesionais, situándose en espazos amplos, transversais, que vinculan diferentes categorías e disciplinas, dando como resultado solucións ás veces híbridas, non necesariamente máis complexas, pero que abarcan un terreo ás veces inclasificable. Cruzamentos conceptuais, eixes temáticos confrontados, converxencias e diverxencias creativas, percorridos comúns que transforman o linealmente establecido. Neste bloque contamos con obras de Pep Carrió, Idoia Cuesta ou Martín Azúa entre outros. Artesanía, publicidade, arte, deseño, exploracións conceptuais e formais danse a man achegando novas visións obxectuais ou comunicacionais.
Internacionalización. Actualmente, son moitos os e as profesionais españois —profesionais independentes, estudos, e empresas— que contan cunha proxección internacional, xa sexa porque lograron introducir produtos ou servizos no mercado, porque desenvolven contidos e procesos ou porque recibiron recoñecementos e/ou galardóns. Traballar e producir máis aló das nosas fronteiras é un investimento a longo prazo e unha experiencia que suma cada vez máis casos de éxito, tal é o caso dos deseños de Patricia Urquiola, Mormedi, Luzifer, Leblume, DIARADESIGN ou Javier Jaén, cuxos traballos, entre outros, se mostran en FSWD.
Sustentabilidade. O deseño pode e debe ter un impacto positivo na nosa contorna habitada, na mobilidade, os bens, as ideas, a industria, o emprego e en toda a nosa forma de vivir. É necesario facer constar os impactos ambientais e buscar procesos máis saneados e escenarios innovadores e respectuosos coa contorna, así contamos con algúns proxectos experimentais como a cadeira realizada con cordas e redes de pesca de Amalia Puga ou o Cultivo desterrado de Rafa Monge.
Complicidades. Poderiamos dicir que este eixe é transversal a toda a exposición porque o momento actual nos obrigan a debuxar o mundo contando co benestar das persoas, asumindo desafíos de maneira moito máis responsable. A modo de exemplo, destacamos as intervencións de Arauna Studio / Rai Pinto, deseñadas para mellorar a experiencia dos nenos nos hospitais, ou unhas lentes que converten o espazo 3D circundante en sons intuitivos, concibidas por Alegre Design e pensadas para ofrecer a mellor experiencia de usuario.
FSWD / Identidade e territorio quere visibilizar diversas e variadas iniciativas levadas a cabo por profesionais españois nos últimos anos para difundir a capa produtiva e que conta con aliados como as empresas produtoras e distribuidoras. Empresas que entenden o papel da disciplina, a súa poder transformador, a súa achega á sociedade, ás que agradecemos o seu papel colaborador para realizar esta exposición.
Os camiños do deseño español ábrense constantemente a novas perspectivas de desenvolvemento e negocio para profesionais e empresas de distintos campos, tanto localmente, como no estranxeiro. Hai talento, hai creatividade, experimentación e investigación. Enxeño, fortaleza, pluralidade cultural, innovación, heteroxeneidade e emoción definen este territorio de ideas que abarcan centro, periferia e como non, o global e universal.
Pero nun panorama aínda atomizado, requírense sempre máis impulsos para conseguir impactar no mercado e facer fortes as oportunidades. Por iso esperamos que esta exposición —que é unha acoutada selección de propostas dun amplo e excelente quefacer por toda a nosa xeografía— achegue o bo deseño ao gran público e colabore a situar e prestixiar, aínda máis, o papel que pode e debe cumprir esta disciplina. Traballos de deseño industrial, deseño gráfico, interiorismo e deseño de servizo, algúns transversais a compartimentos estancos así como outros expostos nos límites destas definicións, dialogan neste espazo expositivo articulando no seu discurso manifestacións ligadas á inclusión, a igualdade de xénero, as preocupacións ambientais, as ambicións tecnolóxicas ou a procura de novos materiais e usos. Construíndo, todos e cada un deles, un escenario e unha narrativa identitaria que indubidablemente crea memoria.
Concibida con intención itinerante, FSWD / Identidade e territorio mira ao futuro para viaxar por distintas cidades e países coa idea de compartir con distintos públicos esta radiografía, ambiciosa e modesta á vez, do panorama actual do deseño español e das súas mellores voces. Ese foi o reto do deseño expositivo, desenvolto por Enorme Estudio e resultado dunha chamada a proxecto. Expuxeron unha exposición con posibilidade de replicarse nun formato responsive, adaptable a distintos tamaños, a unha cantidade de proxectos variable e a unha gran diversidade de espazos, que está baseada, fundamentalmente, nunhas pezas-peañas que foron producidas de xeito artesanal en Galicia, con madeira galega, no obradoiro de carpintaría de Víctor Domínguez Gaviño.
Comisariada e coordinada por Uqui Permui (DAG), Ángel Martínez (ADCV), Gloria Escribano (DIMAD) e Juan Lázaro (Cuenca Diseño), esta exposición constitúe un vigoroso exemplo dun traballo aberto, xeneroso e participativo. No seu desenvolvemento, contou coa colaboración de integrantes das once asociacións que compoñen READ, e coa necesaria implicación dos e das profesionais do deseño e as empresas produtoras participantes.
Máis información en www.fswd.es
Proxecto financiado por: