GUERRILLA GIRLS. PORTFOLIO COMPLEAT, 1985 - 2016
“Teñen que estar espidas as mulleres para conseguir entrar no Metropolitan Museum of Art?” Esta foi unha das primeiras preguntas que se fixo o colectivo Guerrilla Girls ante a realidade de que neste museo en 1989 “menos do 5 % dos artistas das seccións dedicadas á arte moderna son mulleres, pero o 85 % dos espidos son femininos”.
O colectivo Guerrilla Girls formouse en 1985 en Nova York como un grupo anónimo de artistas de acción feminista. A súa primeira acción foi a manifestación que tivo lugar diante do MoMA de Nova York, no que se mostraba a grande exposición An International Survey of Recent Painting and Sculpture (Un estudo internacional de pintura e escultura recentes), na cal participaban 13 mulleres dun total de 169 artistas e practicamente ningún de cor.
Coñecidas por utilizar máscaras de gorilas para ocultar o rostro, identifícanse co nome de mulleres artistas falecidas como Frida Kahlo, Eva Hesse, Paula Modersohn-Becker, Käthe Kollwitz, Gertrude Stein ou Georgia O’Keeffe, entre outras, omitindo así a súa identidade real ao mundo e reivindicando os logros daquelas mulleres.
As accións e obras de Guerrilla Girls intentan contrarrestar as tradicións patriarcais e os seus comportamentos no ámbito cultural. O seu discurso, analítico e crítico, é reforzado mediante o uso da ironía e o sentido do humor, como se observa nas súas accións, informacións, discusións, debates ou exposicións. Con máis de trinta e cinco anos de existencia, este colectivo produciu multitude de pósteres, libros, adhesivos, proxectos de debuxo, edicións gráficas e revistas sobre o sexismo e a discriminación das mulleres no mundo das artes visuais, do cine e da cultura en xeral. Portfolio Compleat, definido polo propio colectivo como unha mostra da “conciencia do mundo da arte”, recolle todo este repertorio que se apropia da linguaxe visual do márketing publicitario para transmitir as súas mensaxes dunha forma directa. Nesta exposición amósase por primeira vez o último material producido por este colectivo que, como elas mesmas o definen, “non está listo para agradar”.
Guerrilla Girls. Portfolio Compleat, 1985 - 2016 é unha adaptación para o CGAC da exhibición producida polo Centro Andaluz de Arte Contemporáneo (CAAC).
Video da Mesa Redonda Exposición "Guerrilla Girls Portfolio Compleat 1985-2016"