Carrusel de imaxes de exposición

Kounellis

JANNIS KOUNELLIS. Labirinto sen paredes

25 Setembro 2026 - 21 Febreiro 2027
Planta baixa e Dobre Espazo
Comisariado:
David Barro

Jannis Kounellis. Labirinto sen paredes reflicte a infancia do artista no porto do Pireo e o seu vínculo co mar como espazo de intercambio cultural e, ao mesmo tempo, aséntaa. Figura clave da arte povera, a obra de Jannis Kounellis (O Pireo, Grecia, 1936 - Roma, 2017) é unha viaxe no tempo, a odisea dunha insistencia ou o reintegro dunhas ideas que deben ser destiladas cun sentido novo. El mesmo acertou a definirse como un home antigo e un pintor moderno, porque a súa visión é arqueolóxica, coma unha escavación na memoria que asenta nunha relectura crítica do pasado interpretada desde a súa particular linguaxe, radicalmente contemporánea.

Esta exposición emerxe como un pecio a partir de elementos que aluden á viaxe, á migración e aos medios de transporte marítimos, fundamentais na globalización, aínda que xa case obsoletos. Kounellis expresa morriña pola perda da dimensión poética da viaxe na era industrial e esta sensación de desprazamento físico e emocional está moi presente na mostra.

Unha das instalacións está conformada por un conxunto de nove velas venecianas dispostas en forma de abano, que simbolizan a conexión do artista co Mediterráneo e unha nostalxia crítica con respecto á transformación do comercio marítimo e á ausencia da pegada do individuo na industria do seu presente. Outras velas ténsanse e préganse sobre marcos de aceiro. Marcadas polo uso, conservan a memoria da súa vida anterior no mar. Kounellis propón unha reflexión sobre a pegada humana nos obxectos, pero tamén indaga sobre a pintura e as súas posibilidades. Todo isto advírtese na serie Albatros, obras compostas de seccións rotas dun barco de madeira que colgan suspendidas fronte a placas de aceiro inclinadas, evocando o desgaste e a súa memoria. Nas obras de Kounellis sempre está implícita a presenza dun drama que hai que descifrar. Nunca é un artista neutro, nin tampouco o son os seus materiais, nin os seus soportes. O labirinto é aquí unha viaxe interior, un abismarse na busca do centro perdido; mentres, infiltrarse na historia é algo así como introducirse no océano para abandonarse a un labirinto sen paredes.

 

Exposición coproducida con Es Baluard Museu, coa colaboración de KEWENIG, Palma/Berlín e Archivio Kounellis.