RANIERO FERNÁNDEZ. O ARQUIVO
Raniero Fernández (Vigo, 1909 - 1999) realiza, durante as décadas cincuenta e sesenta do século pasado, unha interesante obra fotográfica que, co paso do tempo, adquiriu gran relevancia.
A súa actividade como fotógrafo está estreitamente vinculada coa que desenvolveu como presidente da Agrupación Fotográfica Gallega durante o período no que esta tivo a maior actividade, actuando como dinamizador dos concursos, publicacións… Cómpre ter presente que toda a actividade fotográfica non profesional durante os anos cincuenta e sesenta se realizou no seo destas agrupacións e esta era a máis activa das galegas. A Agrupación Fotográfica Gallega potenciou o debate entre as novas propostas fotográficas, representadas por Ricard Terré, e a fotografía que se estaba a facer nas agrupacións. Pero, como posteriormente diría Terré, en Galiza houbo fotógrafos que realizaron unha fotografía diferente á doutras agrupacións, menos pomposa e menos académica.
As súas imaxes están lonxe da estética do pictorialismo tardío que caracteriza a fotografía afeccionada dese momento. Moitas delas lémbrannos a Cartier-Bresson e a Doisneau; dun xeito moi particular a extensa serie que realizou no porto de Vigo. Por outra banda, cabe resaltar os proxectos consistentes en fotografar de xeito sistemático os hórreos e os cruceiros a través da xeografía galega, nos que, segundo dicía, perseguía replicar en fotografía o que Castelao fixera debuxando. Esa mesma procura arquivística empregouna tamén ao abordar a ourivería relixiosa, xerando series moi afastadas da estética concursística que hoxe, á luz da fotografía contemporánea, adquiren un importante interese e nos traen á mente a obra de artistas coetáneos.
Todo isto explica a pertinencia de revisar a obra de Raniero desde unha óptica actual pero contextualizándoa na súa época, para o que se incluirán na exposición obras doutros fotógrafos como Ferrol, Losada, Rueda, Schmidt de las Heras, Terré, Veiga Roel e Zamora.