RELER A COLECCIÓN

Xoves, 30 de Xuño do 2016

O núcleo dun museo é unha colección: a súa colección. A colección é o símbolo patrimonial dunha memoria cultural. Un territorio e unha cultura constrúen a súa identidade desde a memoria. Para que a memoria sexa activa e non nostálxica debe ser crítica e autocrítica, disposta a revisarse de maneira permanente. A función dun museo é crear unha memoria e mantela viva a través dunha incesante relectura, interpretación e investigación, que cuestione, que incida nas perspectivas difíciles. As exposicións temporais están intimamente conectadas e ligadas á colección porque son outra vertente da memoria do museo, unha forma de enriquecer a colección e unha maneira de poder acompañar aos artistas máis próximos, aqueles que contribúen ao enriquecemento simbólico da cultura.

Dentro deste proxecto de revisión e contextualización da colección preséntanse tres propostas expositivas, nas que se desenvolven temáticas diferentes e que incorporan diálogos cruzados con outras coleccións tanto públicas como privadas vinculadas co CGAC e con Galicia: coleccións públicas e privadas galegas, coleccións de museos cos que o CGAC comparte coproducións de exposicións temporais (CAAC de Sevilla e MUN de Pamplona) ou coleccións que mantiveron unha especial conexión co CGAC como a Colección ARCO e a súa sede actual o CA2M de Móstoles.


Folletos da exposición: Estado de excepción, Ensaio visual e Louise Bourgeois. Cell.

Dossier de prensa