Ernesto Neto (Río de Janeiro, Brasil, 1964) concibiu para o CGAC o proxecto A paisagem do corpo e o corpo da paisagem. Inspirándose nas propostas do neoconcretismo brasileiro, como as investigacións de Hélio Oiticica e Lygia Clark sobre o potencial participativo e interactivo da arte, Neto convídanos a mergullarnos nas súas obras, desestabilizando a relación convencional entre o espectador e a obra artística. A través destas pezas, incita á participación activa do público mediante unha estimulación sensorial que transcende o puramente visual. Utilizando materiais humildes e pouco comúns, como a lycra, un tecido elástico e translúcido, Ernesto Neto imprime ás súas creacións un carácter case orgánico e marcadamente sensual como se foran unha membrana ou pel.
Con motivo desta exposición, comisariada por Cecilia Pereira, publicase unha monografía completa en tres idiomas (castelán, inglés e portugués). Este volume inclúe textos do propio artista, da comisaria e dos críticos José Jiménez e Adriano Pedrosa.
