
O CGAC colabora na 64.ª edición de Música en Compostela, un programa que fomenta a preservación, o coñecemento e a difusión do patrimonio musical español cun concerto que terá lugar o venres 5 de agosto ás 20:00 horas no auditorio do CGAC.
A través da música e a voz de nove compositoras actuais, a pianista Isabel Pérez Dobarro achegaranos o eclecticismo das propostas musicais contemporáneas.
O concerto explorará o papel da muller na música actual e permitirá descubrir un calidoscopio de espazos sonoros.
Durante o concerto intervirán as compositoras das pezas permitindo que as súas experiencias individuais nos cheguen tanto a través da música como da palabra.
Meniña Balteira (2018), de Julia María Dopico Vale
En-re-do (1987), de Margarita Viso
Sein und Zeit (1996), de Consuelo Díez
Sansueña (2016), de Mercedes Zavala
Solnatina (2002), de Sonia Megías
Dunas (2019), de Marisa Manchado
Alalá das paisaxes verticais (2021), de Carme Rodríguez
Danza del Gozo Vermell (2013), de Teresa Catalán
Historia de un amor sin respuesta y La muerte que acecha (2017), de Ana Isabel Vázquez Silva
Isabel Pérez Dobarro (Santiago de Compostela, 1992) é unha concertista internacional que actuou no Carnegie Hall de Nova York, a sala Rachmaninoff do Conservatorio Tchaikovsky de Moscova, a Casina Pio IV na Cidade do Vaticano, o Balassi Center de Bruxelas ou o Palau de la Música Catalana, entre moitos outros teatros de todo o mundo. En 2021 foi nomeada “Muller a Seguir na Cultura”, recibiu o Premio Executivas de Galicia e foi finalista nos Future Women in Classical Music de Londres. É doutora pola New York University, onde comezou a impartir clases como instrutora adxunta con 19 anos. Ademais, formouse na Universidade de Harvard, a IE University, a Manhattan School of Music e o Real Conservatorio Superior de Música de Madrid.