
A CONSTRUCIÓN DA MODERNIDADE: VANGARDAS E POSVANGARDAS. CURSO DE ARTE, CULTURA E HISTORIA
O contido deste curso abarca desde principios do século XX ata a Segunda Guerra Mundial, cuxo estalido constitúe a primeira gran quebra na traxectoria da cultura e da arte. Un período que xorde en distintos puntos de Europa e que supón unha das etapas máis creativas da súa historia. Trátase do que coñecemos como vangardas históricas. A traxectoria da arte coincide cunha suma de avatares políticos tras a primeira década do século —a Gran Guerra, o triunfo da revolución soviética, máis tarde a guerra civil española e, finalmente, a Segunda Guerra Mundial— que acabarían arrasando o continente. Porén, o transcurso destes mesmos anos supón un período esperanzador para a arte. Un entusiasmo fundamentado na grande evolución da tecnoloxía e a nova ciencia. O desenvolvemento do automóbil e dos primeiros aeroplanos, o perfeccionamento da fotografía ou o fomento das artes escénicas provocarán novos e descoñecidos modos de ver o mundo.
As artes plásticas desenvólvense nunha serie de correntes ou ismos cos que os propios autores ou os seus principais críticos denominaron as distintas experiencias artísticas. Así, o expresionismo, fauvismo, cubismo, futurismo, dadaísmo, suprematismo, construtivismo, neoplasticismo e surrealismo supoñen as principais orientacións.
Máis que un relato histórico ou artístico, a vangarda significou unha complexa estrutura de esforzos persoais e afinidades. Un espazo temporal cheo de descontinuidades, diferenzas e quebras. Desde os seus comezos, toda a actividade destas primeiras décadas do século constitúe un ámbito de experimentación guiado tanto por un espírito combativo como polo seu intento de alcanzar a utopía.
12 de xaneiro. O panorama europeo no cambio de século. Os premodermos. Os primeiros retos da modernidade: Van Gogh, Gauguin, Cézanne. A sensibilidade nórdica: Edvard Munch
26 de xaneiro. A vangarda e o seu proxecto. A superación do impresionismo. Desde a espiritualidade dos simbolistas á influencia dos premodernos. A exaltación da cor: o fauvismo francés
9 de febreiro. A condición identitaria da arte alemá: Expressionismus. As súas persistencias e derivacións. De Die Brücke ás tendencias de posguerra
23 de febreiro. O desmantelamento do espazo. As señoritas de Avignon. O cubismo, o seu desenvolvemento e derivados. A invención da colaxe
9 de marzo. O futurismo. Marinetti e o mito do moderno. A muller como rémora do pasado. Manifestos e performance
23 de marzo. O neoplasticismo holandés. As artes plásticas en Alemaña: a Bauhaus. Artistas plásticos ligados á Bauhaus. Centroeuropa como foco irradiante de modernidade
6 de abril. O período de entreguerras: a reconstrución de Europa. As artes escénicas. O nacemento da abstracción en Rusia. O construtivismo. A presenza da muller na arte soviética. Programas e doutrinas
20 de abril. O dadaísmo: as novas actitudes ante a arte. A incidencia do dadaísmo na Europa de posguerra. Alemaña: intervencións, obxectos, fotomontaxes. Arte e crítica política
4 de maio. O movemento surrealista. Dos manifestos ás artes plásticas. Antecedentes: a pintura metafísica. As opcións surrealistas na arte. Os primeiros surrealistas: Miró. A imaxe como soporte: Dalí, Magritte. As pintoras surrealistas. Afinidades e desenvolvemento do surrealismo
18 de maio. Os anos vinte. A madurez dos revolucionarios: Picasso, Matisse. A “volta á orde” e a súa incidencia na pintura. A tendencia decó. A nova obxectividade e as súas persistencias futuras: Edward Hopper, Balthus
1 de xuño. A posta en cuestión do concepto de arte: Marcel Duchamp: Dos ready-made aos xogos lingüísticos, da opticalidade ao voyeurismo
María Luisa Sobrino Manzanares (Vigo, Pontevedra, 1943) é catedrática xubilada de Historia da Arte da Universidade de Santiago de Compostela. O seu labor investigador diríxese á área da arte contemporánea tanto no referente ao ámbito galego como internacional. Participou en numerosas publicacións sobre a historia da arte e comisariou distintas exposicións. Entre as súas publicacións sobresaen: O cartelismo en Galicia, Escultura contemporánea no espacio urbano e Nuevas visiones del paisaje: la vertiente atlántica. É autora de catálogos de exposicións como Seoane e a vangarda internacional: os seus mestres, os seus amigos, A creación do necesario. Aproximacións ao deseño do século XX en Galicia, Galicia en cartel. A imaxe de Galicia na cartelaría turística, A Galicia moderna e Luís Seoane (os dous últimos editados polo CGAC). Foi coordinadora da sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega desde onde dirixiu e editou un conxunto de máis dunha ducia de publicacións baixo o título xenérico de Arte +: Arte + espazo público, Arte + mulleres, Arte + identidade, entre outras. Dirixiu ata o número 14 a publicación de Quintana, revista do Departamento de Historia da Arte da USC. Foi membro do padroado do CGAC. Na actualidade segue traballando en artigos, conferencias e informes relacionados co campo da arte.
Todas aquelas persoas interesadas na arte, a historia e a cultura. Non cómpre ter coñecementos previos
O prazo de inscrición estará aberto desde o 19 de novembro ata o 17 de decembro de 2021. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.prensa@xunta.gal.
Nela deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, informaranse as persoas inscritas sobre como realizar o pagamento.
O CGAC expediralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións