CORPO, CIDADE, PRESENZA. Laboratorio de danza, arquitectura e espazo público
A través do movemento, a improvisación e a creación colectiva, neste laboratorio de danza de oito sesións cuestionaremos como habitamos os lugares cotiáns: edificios públicos, prazas, rúas, muros ou recantos esquecidos. Exploraremos os espazos deseñados por Álvaro Siza Vieira no CGAC e outras arquitecturas da cidade.
O obxectivo do proxecto, que iniciamos coincidindo co Día Internacional da Danza, non é só bailar, senón intervir, dialogar e reinventar o espazo que nos rodea, converténdoo nun territorio de encontro, arte e memoria viva. Este programa integra os principios da análise do movemento desenvolvidos por Rudolf Laban con conceptos de arquitectura espacial, fomentando a exploración do corpo en relación co espazo, a forma e a estrutura. A través de actividades prácticas e reflexións teóricas, propoñemos un enfoque interdisciplinario entre danza, pedagoxía e arquitectura, destacando a importancia do corpo como ferramenta perceptiva e creativa.
Para participar nesta actividade non é preciso ter experiencia. Convidamos o público a que abra o corpo e a mirada e a que descubra novas formas de conexión entre nós e co mundo polo que transitamos cada día.
PAULA QUINTAS (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Ten un mestrado en artes escénicas pola Universidade Rey Juan Carlos e investiga os límites e as confluencias das artes corporais, dentro do Programa de doutoramento en creación e investigación en arte contemporánea da Universidade de Vigo.
DATAS
29 abril
6, 20 e 27 maio
3, 10 e 17 xuño
1 xullo
PERSOAS DESTINATARIAS
Actividade dirixida a maiores de 18 anos con ou sen experiencia previa en danza.
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición estará aberto do 18 de marzo ao 24 de abril de 2026. As persoas interesadas deberán enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal incluíndo os seguintes datos: nome e apelidos, DNI, estudos, área de traballo ou interese, enderezo electrónico e teléfono de contacto.
Unha vez aceptada a solicitude, as persoas rexistradas recibirán información coas indicacións para realizar o pagamento.
Poderán inscribirse un máximo de dúas persoas por solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición.
CERTIFICACIÓN
O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, aos 75 % das sesións da actividade.
