Danzadinámica cuántica e oturas marabillas. Taller de Danza Cuántica

DANZADINÁMICA CUÁNTICA E OUTRAS MARABILLAS. Taller de danza cuántica

27 Xuño 2025
De 18:00 a 21:30 h
Coordinación:
Virgina Villar
Dirección:
Paula Quintas e Héctor Álvarez Pol
Prazas:
20
Matrícula:
actividade de balde con inscrición previa

Dándolle continuidade ao proxecto Mundo Quark, que tivo lugar o ano pasado como parte do programa das festas do barrio de San Pedro, o CGAC colabora de novo coa asociación veciñal A Xuntanza e o IGFGAE (Instituto Galego de Física de Altas Enerxías) na programación dunha segunda edición deste taller que explora a interconexión entre a danza e a ciencia.

Este obradoiro convida a todas as persoas que queiran introducirse na cromodinámica cuántica e outras marabillas a interactuar coas posibilidades de exploración que lles ofrece o seu corpo, en movemento e en diálogo co contorno. Deste xeito, o público poderá participar nunha sesión deseñada para poñer en relación a arte e a ciencia hibridando os parámetros teóricos e as prácticas artísticas.

 

PAULA QUINTAS (Ourense, 1983) é bailarina, artista circense, coreógrafa, pedagoga e xestora cultural. Ten un mestrado en Artes Escénicas pola Universidad Rey Juan Carlos e, na actualidade, investiga sobre os límites e as confluencias das artes corporais dentro do Programa de doutoramento en Creación e Investigación na Arte Contemporánea da Universidade de Vigo. Como compañía, Paula Quintas - Cía ten unha traxectoria de dez anos producindo espectáculos de formatos e disciplinas diversas. Hibridar a danza e o circo é a súa marca. O seu traballo destaca polo diálogo entre o corpo e o movemento, e xera unha compoñente visual e experiencial a través de códigos contemporáneos. Os seus espectáculos máis recentes como creadora son Aurora boreal (2025), Multiperspectivas (2021-2024), O salón dos pasos perdidos (2023), Nina Ninette (2021), SET (2020), Alma (non é hippie) (2019), Plastic (2018), Analepsis (2017) e Up2down (2015).
 

HÉCTOR ÁLVAREZ POL (Ribas de Sil, Lugo, 1972) é profesor no Departamento de Física de Partículas da Universidade de Santiago de Compostela e investigador do IGFAE, e move o seu corpo a ritmo de tango. Introducirá as persoas que participen no taller nos elementos básicos e as interaccións fundamentais da física como ferramentas centrais na conversa coa danza contemporánea.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

O taller está dirixido a calquera persoa interesada no corpo como ferramenta expresiva a través das curiosidades da física cuántica.

 

INSCRICIÓN

A participación no obradoiro é de balde. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar a inscricionscgac@gmail.com unha mensaxe cos seguintes datos: nome completo, estudos, área de traballo ou interese, enderezo electrónico e teléfono de contacto.

Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación.

Poderá inscribirse un máximo de dúas persoas por solicitude. As prazas cubriranse por orde de inscrición.

 

PRAZO DE INSCRICIÓN

Do 10 ao 26 de xuño de 2024