zapatos Barbie

DIV@S NA RÚA. A MODA NO SÉCULO XXI

16 Abril 2024 - 28 Maio 2024
martes de 19:00 a 20:30 h
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Román Padín
Prazas:
150
Matrícula:
30 €

A cultura contemporánea abrangue un amplo espectro de teimas que aparecen mesturadas baixo o poder da imaxe nos medios de comunicación.

O mundo do pop-rock e do techno, a arte manga, a cultura do hip-hop, a intelixencia artificial e a tecnoloxía constrúen uns universos estéticos onde a fronteira entre realidade e a invención se esvaece.

Os ídolos dos medios de comunicación de masas están moi presentes nas nosas vidas, chégannos continuamente a través de canles e soportes moi diversos e a súa proximidade é tal que nos sentimos compelidos a vestir e a actuar coma eles.

As artes, as modas, as culturas contemporáneas fan parte de nós. Desde a creación da MTV e a popularización dos vídeos musicais que mataron a estrela da radio, ata a recente irrupción da intelixencia artificial e do metaverso, o certo é que nós xa non somos nós.

Desde a costura de Azzedine Alaïa, Thierry Mugler e Kansai Yamamoto ata a cor rosa de Valentino ou o spray-on dress de Coperni, nós xa non somos nós.

Desde Karl Lagerfeld en Chanel ata Demna Gvasalia en Balenciaga, desde Yayoi Kusama e Virgil Abloh en Louis Vuitton ata Barbie en Zara e Manu Ríos en Loewe, nós xa non somos nós.

Este curso debuxa o pasado, o presente e o futuro das culturas contemporáneas e das modas, ao tempo que transita pola fina liña que separa o divismo na arte do divismo na rúa.

 

Programa:

16 de abril. Cultura contemporánea. Ao bordo do baleiro. Cando o mundo xira cara a un discurso de indiferenza, eterna sedución, violencia das imaxes e narcisismo. Revistas e desfiles. A era do baleiro

23 de abril. Primeiro a forma, logo a función. Cando as formas retóricas quebran o racionalismo da función. Posmodernismo. Os imperios efémeros. Xuntanzas de arquitectos para cambiar o mundo e imaxes en movemento

30 de abril. Visión e son. É o espectáculo da moda. Estrelas no night club, da pantalla global e da pasarela. O prêt-à-porter e o feito internacional

7 de maio. A conversión estética do planeta. As sombras das vangardas. As proxeccións das interpretacións. A cuestión global. Hipermodernidade

21 de maio. Hiperobxecto, sneakers e hip-hop. Gustar e emocionar. A sociedade da conciencia

28 de maio. Decepcionadas e lixeiras. O valor absoluto da imaxe no corpo. Tatuaxes e roupas sensacionais. O consumo é o rei. Divas das artes e das rúas

Imparten:

Román Padín Otero (Vilagarcía de Arousa, Pontevedra, 1966) é autor, creador, conferenciante e docente. Doutor en Arte Contemporánea pola Universidade de Vigo, está especializado en moda, museos, téxtil e tendencias.

Durante unha década impartiu a materia Análise de tendencias de moda, na Escola Superior de Deseño e Moda (Esdemga) da Universidade de Vigo. Actualmente, imparte materias do módulo Liñas de investigación, no mestrado en Deseño e Dirección Creativa en Moda desa mesma universidade. É curador e conservador do gardarroupa de concerto de Teresa Berganza e autor do libro Historia de las tendencias de moda (Dextra, 2023).

Persoas destinatarias:

O curso está dirixido a estudantes de moda, arte, deseño, arquitectura, xornalismo e a calquera persoa interesada no tema proposto.

Inscrición:

O prazo de inscrición estará aberto desde o 22 de xaneiro ata o 12 de abril de 2024. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. Nel deberán indicar o seu nome e apelidos, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas rexistradas recibirán a información precisa para efectuar o pagamento.

Certificación:

O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.