FÓRA DO COUZÓN. PEQUENO COMPENDIO DE COMEDIAS DISLOCADAS. Curso de cinema
“Saínte dunha porta, cancela etc., sobre o que xira”. Esa é a definición de “couzón” que nos ofrece a Real Academia Galega. E se vostede, tras lela, quedou como estaba e se se está preguntando que demos é un “couzón”, pois xa somos dous: vostede, a persoa lectora, e eu, este impersoal narrador (con ínfulas de voz en off cinematográfica) que, sen disimulo, trata de captar a súa atención.
Pois resulta, mire vostede, que o couzón é un madeiro que asegura as portas e as xanelas por medio de gonzos e bisagras para que, xirando, abran e pechen. Agora si que está claro, non? Pois vai ser que non (e se se se está preguntando que é un “gonzo”, pois xa sabe o que ten que facer), pero quedemos, polo menos, con ese principio dinámico: o de cousas que xiran, se abren e pechan e se volven abrir, mecanismos, engrenaxes, máquinas ou corpos que repiten unha e outra vez os mesmos movementos…
Di un lugar común que a tolemia é facer dúas veces o mesmo esperando resultados diferentes, e non sería esa precisamente a perfecta definición da comedia? O corpo cómico é aquel que percute e repercute, que cae e recae tropezando unha e outra vez coa mesma pedra… Ata que, finalmente, se solta do couzón e arrastra con el, en desopilante bulebule entrópico, todo o que o rodea. Eses corpos cómicos serán os que perseguiremos neste curso: os eternos exasperados, os que están fóra de sitio, dislocados, pero que non deixan de moverse buscando o seu lugar no mundo. Porque, á fin e ao cabo, se de calquera amencer pode saírnos un home no bancal, tamén pode, faltaría máis, saír cando queira do couzón. Que non é pouco.
PROGRAMA
3 OUTUBRO
O maquinista da xeneral (Clyde Bruckman e Buster Keaton, 1926)
10 OUTUBRO
Unha noite na ópera (Sam Wood e os irmáns Marx, 1935)
17 OUTUBRO
Arsénico por compaixón (Frank Capra, 1944)
24 OUTUBRO
O meu tío (Jacques Tati, 1958)
7 NOVEMBRO
Atraco ás 3 (José María Forqué, 1962)
14 NOVEMBRO
O guateque (Blake Edwards, 1968)
21 NOVEMBRO
O noviño Frankenstein (Mel Brooks, 1974)
28 NOVEMBRO
Os cabaleiros da mesa cadrada (Monty Python, 1975)
12 DECEMBRO
Zelig (Woody Allen, 1983)
19 DECEMBRO
Amence, que non é pouco (José Luis Cuerda, 1989)
JOSÉ MANUEL LÓPEZ (Vigo, 1974) é doutor en Comunicación e profesor asociado na Universidade de Vigo. Funda a revista de cinema Tren de sombras (2004-2008) e, desde o ano 2007 ao 2017, forma parte do consello de redacción de Caimán Cuadernos de Cine, anteriormente coñecida como Cahiers du Cinéma. España.
En 2008, coordinou o libro Naomi Kawase. El cine en el umbral para o Festival de Cinema das Palmas e é autor de numerosos artigos, relatorios en congresos e capítulos de libros. Desde 2012, imparte cursos de cinema no Museo de Arte Contemporánea de Vigo (Marco) e no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Impartiu, ademais, conferencias en espazos como Master LAV, a ESCAC, o CGAI, a Seminci, o Festival de Málaga ou o Centro das Artes de Sevilla. Comisariou exposicións e ciclos de proxeccións para a Fundación Luis Seoane, Curtocircuíto: Festival Internacional de Cinema de Santiago de Compostela, Solar Galería de Arte Cinemática e o festival de cinema Curtas de Vila do Conde (Portugal). En 2020, recibiu o premio ao mellor ensaio escrito sobre audiovisual internacional na cuarta edición dos Premios María Luz Morales, outorgados pola Academia Galega do Audiovisual.
PERSOAS DESTINATARIAS
Docentes, estudantes e persoas interesadas no cinema
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición estará aberto desde o 2 de agosto ata o 27 de setembro de 2023. As persoas interesadas poden enviar un correo electrónico a cgac.educacion@xunta.gal. Nel deberán indicar os seguintes datos: apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas rexistradas recibirán información sobre como deben realizar o pago.
CERTIFICACIÓN
O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70% das sesións.
