INTRAHISTORIAS DA ARQUITECTURA II. Curso en liña de historia da arquitectura

25 Marzo 2020 - 03 Xuño 2020
De 19:00 a 20:30 h
Modalidade: en liña
Coordinación:
Gema Baños
Dirección:
Fermín Blanco
Prazas:
150
Matrícula:
30 €

A segunda edición do curso Intrahistorias da arquitectura continuará tratando áreas transversais a esta disciplina. Trataremos temas como a innovación, os arquitectos inventores, a educación a través do xogo de construción, a bioconstrución, as ricas relacións entre a arquitectura e o deseño ou a arquitectura e a arte, así como as relacións entre o arquitecto e o cliente. Falaremos de comunidades e dos mestres da arquitectura, deixando sempre un oco para os pioneiros.

Contaremos coa proxección de documentais e coa intervención de arquitectos como Pedro de Llano Cabado e Manuel Gallego e coa presenza de diferentes axentes da construción como clientes e usuarios da arquitectura contemporánea en mesas redondas para compartir a súa experiencia.

En cada sesión uniremos conceptos como a idea e a forma, o deseño e o usuario, a arte e a industria, a historia e o contemporáneo ou a razón e a técnica.

Neste curso achegámonos ás bases conceptuais da arquitectura. Os temas escollidos serán transversais a varias disciplinas, co que se busca fomentar a participación dun público heteroxéneo interesado na arquitectura (pero non especificamente experto na materia).

 

PROGRAMA

25 MARZO
Experimentar coas formas. Arte, arquitectura e técnica. Eva Lootz / Frei Otto

1 ABRIL
Frank Lloyd Wright. Comunidades de aprendizaxe

15 ABRIL
Arquitectura vertebrada. Miguel Fisac. Onde?, que?, como?

22 ABRIL
Aprender xogando. O xoguete de construción na educación

29 ABRIL
A arte terreal. Chillida, Ganchegui e Elósegui

6 MAIO
Arquitectura e participación. Arquitectos e clientes

13 MAIO
Arquitectura popular e contemporánea. Razón e construción. Pedro de Llano Cabado

20 MAIO
Brasília. O testemuño dunha utopía

27 MAIO
Tecido postindustrial: unha oportunidade urbanística. Iria Sobrino e Carme Nogueira

3 XUÑO
Re-enactment: Lilly Reich en Barcelona. Laura Martínez de Guereñu

Trataremos de integrar diferentes medios nas sesións e, en paralelo, formúlase un terceiro tempo nas redes sociais a través do grupo de Facebook “Club de Arquitectura”, moderado por Fermín Blanco.

 

FERMÍN BLANCO (La Pola, Asturias, 1977) é doutor arquitecto pola Universidade Politécnica de Madrid e arquitecto pola ETSAVA (Escola Técnica Superior de Arquitectura de Valladolid). A súa traxectoria profesional está impregnada polo carácter educativo e divulgativo dos seus proxectos, sempre nun ámbito híbrido entre disciplinas. Desde 2011 é profesor de Sistemas de Construción na IE School of Architecture and Design. Comeza a súa experiencia profesional co arquitecto Manuel Gallego (2003-2006) e, a partir de 2006, exerce a profesión desde o seu propio estudio de arquitectura na Coruña. Durante estes anos realizou exposicións e impartiu cursos e conferencias relacionados coa arquitectura, o deseño e a didáctica. En 2008 funda Sistema Lupo, un paraugas baixo o que actualmente se acubilla un excelente equipo de profesionais implicados no binomio, arquitectura-educación. A súa premiada tese de doutoramento, “Los huesos de Fisac: la búsqueda de la pieza ideal”, marcou o inicio dunha serie de proxectos de carácter científico-divulgativo sobre a transferencia do coñecemento desde a técnica e a arte á sociedade. Na actualidade coordina, entre outros, os programas Nenoarquitectura na Fundación Luís Seoane da Coruña, e MIES é + no CGAC e é cofundador da Asociación Ludantia Arquitectura e Educación.

 

INSCRICIÓN

O prazo de inscrición estará aberto desde o 13 de xaneiro ata o 24 de marzo de 2020. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal na que deberán indicar o seu nome completo, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por orde de inscrición. Cada solicitante recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación e as indicacións precisas para realizar o pagamento da matrícula.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

O curso está dirixido a estudantes, profesorado, público interesado na historia da arquitectura e na historia da arte.

 

CERTIFICACIÓN

O CGAC entregaralles un certificado a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 75 % das sesións.