Javier Martín: "ProyectoRaem", 2025
Javier Martín: "ProyectoRaem", 2025

JAVIER MARTÍN. PROXECTO [RÆM]. Coreografías e ensamblaxes

11 Febreiro 2026 - 12 Febreiro 2026
11:00-13:30 h e 17:00-20:30 h
Dobre Espazo
Coordinación:
Gema Baños
Prazas:
Entrada libre e de balde ata completar a capacidade

“Incluso mentres durmimos, cando logramos fundirnos no estado no que, como dicía Bukowski, o mundo ‘inhala e exhala a través do noso corpo’, a nosa postura corporal parece expresar a forma fundamental da nosa relación co mundo. Adorno sinalou que ‘a nosa conexión co vento durante o sono revela se somos felices ou non’. A nosa relación co mundo non simplemente se esvaece cando durmimos, senón que continúa operando en reinos vexetativos e subliminares”.

RÆM, apuntamentos do dosier de creación

 

O coreógrafo coruñés Javier Martín desenvolverá unha estancia de investigación no CGAC co obxectivo de ensamblar e poñer en práctica a súa última creación: RÆM.

En setembro de 2025, Martín dedicou varias xornadas de traballo a porta pechada a xerar un dispositivo tecnolóxico para a composición e o rexistro da danza con cámara. Mediante a emisión simultánea das imaxes captadas en tres proxectores e co fin de problematizar o movemento e as súas imaxes, converteu unha sala do CGAC nunha cámara de resonancia visual.

A súa coreografía ábrese agora ao público con dúas performances de longa duración, que terán lugar os días 11 e 12 de febreiro. Durante estas dúas xornadas abertas de investigación coreográfica, o artista estará presente de forma continuada na sala, activando o dispositivo, bailando e desenvolvendo a obra en tempo real e en relación directa coas persoas asistentes, que poderán entrar, permanecer e acompañar o proceso de creación o tempo que desexen.

 

JAVIER MARTÍN (A Coruña, 1980) baila. Combina a creación coreográfica e performativa coa escritura, a práctica de laboratorios e as conferencias. Desde un enfoque epistemolóxico e crítico, investiga nas artes do movemento, activando unha somateca: a imaxinación e o arquivo corporal de formulacións cinéticas diversas.

Compón texturas de movemento, materia vibrante, como dinámica para intervir e facer conscientes os procesos de subxectivación, interesado en destilar como se acumula a inercia nos nosos corpos. Sostén que a danza, como tecnoloxía da conciencia, é unha forma de elaborar o animal que somos.

Desde os seus inicios creou e presentou máis de trinta obras como Beltenebros (2025), El punto impropio A/S/V (2023), Figuras del umbral (2021), Teorema (2020), SOMA (2019) ou Método negro (2018) e ten bailado en España, Marrocos, Francia, Portugal, Rusia, Ucraína, México, O Uruguai, Guatemala, Colombia e Tailandia. As súas coreografías contan co apoio de diversas institucións e centros culturais, tanto públicos coma privados.

www.javiermartin.gal | artes do movemento