MANUAL DE INSTRUCIÓNS DA ARTE CONTEMPORÁNEA. DAS VANGARDAS ATA OS NOSOS DÍAS. Curso de arte contemporánea
Este curso ten como finalidade ofrecer unha análise completa das principais correntes, artistas e problemáticas que configuraron a historia da arte desde finais do século XIX ata os nosos días.
Partindo das vangardas históricas e das súas orixes, examinaranse as transformacións estéticas, conceptuais e institucionais que redefiniron o que hoxe entendemos por arte.
Ao longo de dez sesións, realizarase un percorrido cronolóxico e temático no que se abordarán fenómenos como a funcionalización das vangardas, a crise da representación, a irrupción de novas prácticas, a expansión do campo artístico e a desmaterialización do obxecto artístico.
O obxectivo da proposta é proporcionarlles ás persoas asistentes un marco de referencia sólido para comprender as dinámicas que definen as novas linguaxes e os novos comportamentos artísticos co fin de favorecer unha aproximación crítica e contextualizada aos movementos, axentes e discursos que artellan o noso presente cultural.
PROGRAMA
14 OUTUBRO
Arte contemporánea. Instrucións de uso. Introdución
21 OUTUBRO
Xenealoxías das vangardas. O soño do Romanticismo produce monstros
28 OUTUBRO
Os pintores da vida moderna. As primeiras vangardas
4 NOVEMBRO
O ethos. Dada é anti-Dada
11 NOVEMBRO
A vangarda funcionalizada. Construtivismo, De Stijl e Bauhaus. A Nova Obxetividade
18 NOVEMBRO.
Morte á razón. Surrealismo
25 NOVEMBRO
O pathos. Do expresionismo aos expresionistas
2 DECEMBRO
A derrota da alta cultura. A arte pop
9 DECEMBRO
A desaparición da arte. Arte conceptual, land art e novos comportamentos artísticos
16 DECEMBRO
Despois da fin da arte, toca reset. Dos oitenta ata pasadomañá
SUSO FANDIÑO (Santiago de Compostela, 1971) é un artista e teórico galego vinculado á arte conceptual desde unha perspectiva multidisciplinaria.
Licenciado e doutor en Belas Artes pola Universidade de Vigo e en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela, desenvolve un amplo labor como docente, investigador e divulgador da arte contemporánea nos centros e institucións máis importantes de Galicia.
Inicia a súa traxectoria artística co cambio de século, integrándose na nova xeración de artistas que protagonizaron o cambio de dirección da arte galega a partir da segunda década dos noventa, tras a creación do CGAC, a Facultade de Belas Artes de Pontevedra e as grandes institucións museísticas do Estado español. Participou en numerosas exposicións tanto nacionais coma internacionais, entre as que destacan as individuais Wunderkammer (CGAC, Santiago de Compostela, 2022) e History of the Future (Appleton Square, Lisboa, 2024). A súa obra foi premiada en múltiples ocasións e forma parte de coleccións públicas e privadas como a Fundación Pedro Barrié de la Maza, Afundación Obra Social Abanca, a Fundación Coca-Cola España, a Jan Michalski Fondation ou a Colección CGAC. A súa obra O CGAC está aquí (2023), concibida expresamente con motivo do 30.º aniversario do CGAC, pódese ver actualmente na fachada do museo.
PERSOAS DESTINATARIAS
Profesorado de Educación Primaria, Educación Secundaria Obrigatoria e Bacharelato nas materias de Historia da Arte e Fundamentos Artísticos, estudantes de Belas Artes e Historia de Arte e persoas con inquietudes culturais
INSCRICIÓN
O prazo de inscrición estará aberto desde o 22 de setembro ata o 10 de outubro de 2025. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar os seguintes datos: apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición. Unha vez aceptada a solicitude, as persoas inscritas recibirán información sobre como realizar o pagamento.
CERTIFICACIÓN
O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.
