MIRALDA. USOS DA IMAXINERÍA RITUAL NA ARTE. Xornadas
Miralda usou o audiovisual tanto para documentar procesos de investigación relacionados cos proxectos nos que traballa como para crear obras autónomas, algunhas das cales se basean nas mesmas temáticas que tratan as súas propostas artísticas e que remiten, entre outros tantos asuntos, á pervivencia do ritual na sociedade de consumo de masas.
Coñecido internacionalmente pola súa práctica artística multidisciplinaria, Miralda é un dos artistas máis polifacéticos da vangarda española dos últimos cincuenta anos. O seu traballo caracterízase pola creación de proxectos de arte colaborativa con grandes intervencións no espazo público, sempre arraigadas no contexto social, e por un interese cuasiantropolóxico na cultura alimentaria e no cerimonial.
PROGRAMA
17 DECEMBRO · 19:00 h
Presentación a cargo de Antoni Miralda e Ignasi Duarte
Proxección dos filmes Sacro-Pagan Notes (1973-1993) (2009), Barcelona-Filipinas, e La hormigonera del PobleNew. Balada para un estómago
18 DECEMBRO · 19:00 h
Conversa de Antoni Miralda e Ignasi Duarte con Santiago Olmo, director do CGAC
FILMES
SACRO-PAGAN NOTES (1973-1993), 2009
Película Super 8 transferida a vídeo e Video8; cor, sen son
25 min
En Sacro-Pagan Notes, o artista, coma se tomase apuntamentos do natural, filma determinados comportamentos humanos asociados á celebración e ao ritual para estudalos ou tratar de comprendelos. Un traballo de campo que o emparenta co exercicio da antropoloxía. O filme funciona como un índice de contidos de boa parte das cuestións que aparecen no conxunto da súa vasta produción artística.
BARCELONA-FILIPINAS, 1986
Vídeo; cor, son
18 min 12 s
É unha peza de vídeo pensada para unha instalación no contexto da exposición colectiva Le Gorille Blanc (CRAC Occitanie, Toulouse). Durante a metraxe, somos testemuñas directas dunha práctica de posesión espiritual ocorrida na cidade filipina de Barcelona. Unha moza fala en nome da divindade do Santo Neno, mentres inxire leite, Coca-Cola e come balut (ovo de oca incubado durante once días).
LA HORMIGONERA DEL POBLENEW. BALADA PARA UN ESTÓMAGO, 2022
Vídeo; cor, son
20 min 22 s
Documenta a acción dun camión formigoneira que pasea polas rúas de Barcelona transformado nun enorme e simbólico estómago que trata de metabolizar a xentrificación que sofre o distrito de Poblenou. Esta singular rua, que en catalán significa ‘desfile’ ou ‘pasacalles’, coincide coa festa da Candelaria, e as luces que adornan os elementos do cortexo aluden a esta popular celebración consagrada á fertilidade da terra e ao ciclo vital das colleitas.
ANTONI MIRALDA (Terrassa, Barcelona, 1942) iniciou a súa carreira no París dos sesenta como fotógrafo de moda e creador, onda Dorothée Selz, Joan Rabascall e Jaume Xifra, de accións que incorporaban cerimoniais culinarios. En 1971, trasladouse a Nova York, onde desenvolveu unha obra pública e participativa e experimentou con diversos medios, como a fotografía, o vídeo ou a colaxe. Entre 1984 e 1986, xunto coa xefa de cociña Montse Guillén, dirixiu o aclamado restaurante de tapas neoiorquino El Internacional.
Entre os seus proxectos máis coñecidos, convén salientar a súa participación na Bienal de Venecia de 1990 e o icónico Honeymoon Project (1996-1992), que celebraba un casamento imaxinario entre a Estatua da Liberdade de Nova York e o monumento a Colón de Barcelona, símbolos antagónicos da liberdade e a conquista.
En 1995, presentou a súa primeira antoloxía na Fundación "la Caixa" e no IVAM. Posteriormente, participou nas bienais de Istambul e Shanghai e desenvolveu Sabores y lenguas (1997-2014), base conceptual do Food Pavilion da Expo 2000 e do proxecto FoodCultura, dedicado ás conexións entre alimentación, antropoloxía e arte.
A súa obra foi obxecto de retrospectivas no Museo Reina Sofía (2010), MACBA e Azkuna Zentroa (2016). En 2018, recibiu o Premio Velázquez de Artes Plásticas e, en 2022, mostráronse por primeira vez as súas fotografías dos anos setenta e oitenta.
IGNASI DUARTE (Barcelona, 1976) desenvolveu a súa práctica artística en disciplinas como a performance, a instalación, o teatro e o cinema. O seu traballo presentouse en museos, festivais e institucións de Europa e América Latina (Espai 13, Teatre Lliure, MUAC, Wiener Festwochen, La Maison Rouge, Bozar, Fundação Calouste Gulbenkian, FIDMarseille e o Centro Botín, entre outros).
En 2023, comisariou a exposición fotográfica Cowboy’s Dream, de Antoni Miralda, no marco de PHotoESPAÑA, e encargouse da edición do libro homónimo publicado ese mesmo ano por La Fábrica. Este labor de recuperación do arquivo inédito do artista continuou en 2025 coa publicación de BOOOM, Miralda 1962-1972 (La Fábrica).
