Curso fotografía

A POSFOTOGRAFÍA. DO PÍXEL AO ALGORITMO CURSO DE HISTORIA DA FOTOGRAFÍA

01 Outubro 2026 - 10 Decembro 2026
Xoves de 19:00 a 20:30 h
Auditorio do CGAC
Coordinación:
Virginia Villar
Dirección:
Xaime Fandiño
Prazas:
250
Matrícula:
30€

Neste curso mergullarémonos na posfotografía como campo estendido de prácticas, discursos e actitudes críticas cara á produción, a circulación e o consumo de imaxes na era dixital. Baseándonos nas ideas de Joan Fontcuberta e establecendo un diálogo con outros teóricos e artistas, o curso analizará como o banal, o amateur, o familiar e o excesivamente cotián se converten en formas conscientes de resistencia estética e política. Veremos como a posfotografía non se entende como un despois cronolóxico senón como unha mutación cultural da imaxe, onde a autoría se dilúe, o arquivo se reapropia, a verdade se problematiza e a experiencia visual se volve masiva, automática e, paradoxalmente, profundamente íntima.

 

PROGRAMA

1 OUTUBRO. Que foi a fotografía? Da fotografía como pegada á condición posfotográfica

8 OUTUBRO. Vivir dentro das imaxes. Iconosfera e superabundancia visual

15 OUTUBRO. A fotografía emancipada de quen a practica. A democratización da produción fotográfica

22 OUTUBRO. Fotografar xa non é o importante. Da autoría á prescrición de sentidos

29 OUTUBRO. Para que facer máis imaxes? Adopción dixital, reciclaxe e ecoloxía das imaxes

5 NOVEMBRO. As imaxes circulan. Da imaxe-obxecto á imaxe-fluxo

12 NOVEMBRO. Fotografías que ninguén fixo. Imaxes de segunda man, cámaras automáticas e visión das máquinas

19 NOVEMBRO. A IA e a fin da imaxe referencial. Que sucede cando non é preciso que existise unha fotografía?

26 NOVEMBRO. As imaxes contra as imaxes. Estratexias artísticas para utilizar o propio ecosistema visual como ferramenta crítica

3 DECEMBRO. A furia das imaxes. Que significa crear nunha cultura de imaxes infinitas?

 

XAIME FANDIÑO (Santiago de Compostela,1981) traballa con fotografía, material de arquivo, found footage e procesos editoriais, explorando as formas nas que as imaxes se producen, se seleccionan, se organizan e circulan. A súa práctica sitúase na intersección entre a fotografía comercial, a edición e a investigación artística, desprazándose progresivamente desde a produción de imaxes cara á investigación dos dispositivos, estruturas e contextos que determinan como esas mesmas imaxes xorden e son interpretadas.

O seu traballo céntrase nas condicións cambiantes da práctica fotográfica e nos sistemas a través dos cales as imaxes se crean, se almacenan, se distribúen e cobran sentido. Mediante procesos de edición, apropiación e recontextualización, explora a fotografía máis alá do acto de captar unha imaxe, examinando dispositivos, arquivos, plataformas e sistemas tecnolóxicos que desempeñan un papel cada día máis relevante na produción de imaxes contemporáneas.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

O curso está dirixido a calquera persoa interesada na historia da fotografía e na cultura contemporánea.

 

INSCRICIÓN

O prazo de inscrición estará aberto desde o 10 ata o 29 de setembro de 2026. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar os seguintes datos: apelidos, nome, DNI, estudos, área de traballo ou interese, enderezo electrónico e teléfono de contacto.

Unha vez aceptada a solicitude, as persoas rexistradas recibirán a información precisa para efectuar o pagamento.

 

CERTIFICACIÓN

O CGAC expediralles un certificado de aproveitamento a todas aquelas persoas que asistan, como mínimo, ao 70 % das sesións.