
RESPIRAR A ARTE. SESIÓNS DE IOGA NO CGAC
O obxectivo deste programa é fomentar e facilitar o diálogo entre o público e a arte contemporánea co ioga como ferramenta para a mediación.
Ao longo do ano levaremos a cabo unha serie de sesións de ioga que terán como marco as exposicións temporais do CGAC, os suxestivos espazos arquitectónicos que as conteñen e os espazos naturais do parque de Bonaval, deseñados por Álvaro Siza Vieira e pola arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre.
Cada clase será creada ad hoc, de xeito que a temática das secuencias de ioga e as asanas (posturas corporais) estarán directamente relacionadas coas pezas de arte, coa arquitectura ou coa paisaxe.
Cada asana posúe unha forma xeométrica e arquitectónica exacta. Trátase dunha linguaxe simbólica que tamén aparece moitas veces no mundo da arte. Esta actividade conxugará o simbolismo do ioga co simbolismo da arte e cos lugares a onde nos leva a súa contemplación.
Paula Toimil realizará unha visita comentada ás mostras e nutrirase de conceptos, formas, cores, dimensións, materia ou luz para trasladar estes parámetros ao nosos corpos e convidar o público a vivir física, emocional e espiritualmente a arte.
Levaremos a atención cara a dentro a través da respiración e das posturas procurando un exercicio de escoita persoal que nos permita aprender tanto da arte coma de nós mesmos.
SESIÓN I
EXPOSICIÓN DE ERNESTO NETO A PROFUNDIDADE DO CORPO. A ONDA
Sábado 18 de novembro de 2023
Horario: 11:00-12:30 h
Prazas: 15
Prazo de inscrición: Do 8 ao 15 novembro 2023
SESIÓN II
EXPOSICIÓN DE ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA. FLOR E ACANTO
Xoves 30 de novembro
Horario: 18:30- 20:00 h
Prazo de inscrición: Do 23 ao 28 de novembro de 2023
Prazas: 15
SESIÓN III
EXPOSICIÓN TRABALLO EN EQUIPO
Mércores 13 de decembro
Horario: 18:30 a 20:00 h
Prazo de inscrición: Do 7 ao 11 de decembro de 2023
Prazas: 15
Paula Toimil (Lalín, Pontevedra,1983) compaxina o seu traballo de educadora de museos co de profesora de ioga. Desde 2012 é membro do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao visitante da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no que leva desenvolvido proxectos didácticos para máis de vinte exposicións, así como para a arquitectura e os espazos verdes do Gaiás. É diplomada en Turismo pola UDC e mestra en Educación e Museos pola Universidade de Murcia. No eido do ioga, recibiu a súa formación nas escolas Almazen de Yoga e Escuela Internacional de Yoga, ambas as dúas avaladas por Yoga Alliance. Imparte esta disciplina en diferentes espazos de Santiago de Compostela e leva practicándoa máis dunha década.
Persoas iniciadas no ioga e interesadas no mundo da arte.
Esta actividade é de balde. As persoas interesadas poden enviar unha mensaxe electrónica a cgac.educacion@xunta.gal. Nela deberán indicar os seguintes datos: nome, apelidos, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto.
Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.
As persoas que participen nesta actividade deberán traer a súa esteira, roupa cómoda e unha manta para a relaxación final.