foto ioga

RESPIRAR A ARTE. Sesións de ioga no CGAC 2023

18 Novembro 2023 - 13 Decembro 2023
Coordinación:
Virginia Villar
Prazas:
15. As prazas dispoñibles poderán variar en función das exposicións que se visiten.

O obxectivo deste programa é fomentar e facilitar o diálogo entre o público e a arte contemporánea co ioga como ferramenta para a mediación.

Ao longo do ano levaremos a cabo unha serie de sesións de ioga que terán como marco as exposicións temporais do CGAC, os suxestivos espazos arquitectónicos que as conteñen e os espazos naturais do parque de Bonaval, deseñados por Álvaro Siza Vieira e pola arquitecta e paisaxista Isabel Aguirre.

Cada clase será creada ad hoc, de xeito que a temática das secuencias de ioga e as asanas (posturas corporais) estarán directamente relacionadas coas pezas de arte, coa arquitectura ou coa paisaxe.

Cada asana posúe unha forma xeométrica e arquitectónica exacta. Trátase dunha linguaxe simbólica que tamén aparece moitas veces no mundo da arte. Esta actividade conxugará o simbolismo do ioga co simbolismo da arte e cos lugares a onde nos leva a súa contemplación.

Paula Toimil realizará unha visita comentada ás mostras e nutrirase de conceptos, formas, cores, dimensións, materia ou luz para trasladar estes parámetros ao nosos corpos e convidar o público a vivir física, emocional e espiritualmente a arte.

Levaremos a atención cara a dentro a través da respiración e das posturas procurando un exercicio de escoita persoal que nos permita aprender tanto da arte coma de nós mesmos.

 

PROGRAMA

SÁBADO 18 DE NOVEMBRO. SESIÓN I
EXPOSICIÓN ERNESTO NETO A PROFUNDIDADE DO CORPO. A ONDA
Horario: 11:00-12:30 h
Prazo de inscrición: Do 8 ao 15 novembro 2023

XOVES 30 DE NOVEMBRO. SESIÓN II
EXPOSICIÓN ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA. FLOR E ACANTO
Horario: 18:30- 20:00 h
Prazo de inscrición: Do 23 ao 28 de novembro de 2023

MÉRCORES 13 DE DECEMBRO. SESIÓN III
EXPOSICIÓN TRABALLO EN EQUIPO
Horario: 18:30 a 20:00 h
Prazo de inscrición: Do 7 ao 11 de decembro de 2023

 

PAULA TOIMIL (Lalín, Pontevedra,1983) compaxina o seu traballo de educadora de museos co de profesora de ioga. Desde 2012 é membro do Servizo de Educación, Mediación e Atención ao visitante da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, no que leva desenvolvido proxectos didácticos para máis de vinte exposicións, así como para a arquitectura e os espazos verdes do Gaiás. É diplomada en Turismo pola UDC e mestra en Educación e Museos pola Universidade de Murcia. No eido do ioga, recibiu a súa formación nas escolas Almazen de Yoga e Escuela Internacional de Yoga, ambas as dúas avaladas por Yoga Alliance. Imparte esta disciplina en diferentes espazos de Santiago de Compostela e leva practicándoa máis dunha década.

 

PERSOAS DESTINATARIAS

Persoas iniciadas no ioga e interesadas no mundo da arte

 

INSCRICIÓN

Esta actividade é de balde. As persoas interesadas poden enviar a cgac.educacion@xunta.gal unha mensaxe electrónica. Nela deberán indicar os seguintes datos: nome, apelidos, estudos, área de traballo ou interese, un enderezo de correo electrónico e un teléfono de contacto. Poderase inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude.

 

MATERIAL

As persoas que participen nesta actividade deberán traer a súa esteira, roupa cómoda e unha manta para a relaxación final.