SEMANA DA CIENCIA. Programa arte/ciencia
A arte, na súa transformación continua, estivo sempre ligada ao progreso tecnolóxico e ás novas ideas que del derivan. Porén, na actualidade, debido á incidencia directa que os avances científicos e tecnolóxicos teñen na nosa vida cotiá, a relación da ciencia e da tecnoloxía cos campos da creación é máis estreita ca nunca. A tecnoloxía non só transformou as prácticas artísticas; tamén contribuíu a moldear e a enriquecer a nosa maneira de percibir e comprender o mundo, incorporando un principio positivo e dinámico —a incerteza— que opera ao mesmo tempo como límite e como resorte crítico.
Co obxectivo de profundar nas vinculacións que existen entre a arte e a ciencia, o CGAC colabora, desde 2024, co Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e co Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) no desenvolvemento dun programa de actividades no que ambos os dous ámbitos do coñecemento se superpoñen e se entrelazan.
Este ano, ao longo do mes de novembro, o CGAC acollerá un concerto do trío de jazz galego Sumrrá e unha nova edición do Taller de Danza Cuántica, ademais dunha conferencia e dun concerto do compositor, pianista, concertista e teórico musical Rakhat-Bi Abdyssagin.
PROGRAMA
12 NOVEMBRO
7 VISIÓNS. CONCERTO DE SUMRRÁ
Hora: 20:00 h | Lugar: Auditorio | Entrada libre ata completar a capacidade da sala
O trío de jazz Sumrrá ofrecerá un concerto temático e comentado cuxo repertorio estará centrado no seu disco 7 visións (2021). As pezas deste álbum fálannos da permanente danza do universo (“Forzas gravitatorias”), reflexionan sobre a eterna cuestión da nosa posición periférica no universo (“Periferia universal”) e especulan sobre o que puido ocorrer no big-bang (“13 700 millóns de anos despois”).
Ademais, estrearán a composición “A oitava visión. O zoom cuántico”, inspirada na física cuántica e creada especificamente para este evento. Esta peza xoga coa idea de transición desde a física clásica ata a revolución cuántica e coa visión dunha mesma realidade que pode mudar dependendo da posición, da proximidade, da atención ou da tecnoloxía implicada.
Para vincular o repertorio do álbum e a peza inédita con diversas claves da física, a cita contará coa participación de Manuel Caamaño, investigador do IGFAE e músico, que analizará as composicións interpretadas durante o concerto cunha perspectiva científica e artística.
14 NOVEMBRO
FÍSICA CUÁNTICA APLICADA Á DANZA. TALLER DE DANZA CUÁNTICA
Hora: 20:00 h | Lugar: Auditorio | Actividade gratuíta con inscrición previa
Este taller, impartido pola bailarina e coreógrafa Paula Quintas e o profesor do Departamento de Física de Partículas da USC e investigador do IGAFE Héctor Álvarez Pol, propón un encontro entre ciencia e arte no que se explorará como os principios da física cuántica —superposición, incerteza, entrelazamento e observación— poden inspirar novas formas de creación e de movemento na danza contemporánea.
A través de exercicios corporais, improvisacións guiadas e reflexións teóricas, as persoas participantes experimentarán coa relación entre o corpo, a enerxía e a percepción. Investigarase como a presenza do observador ou a observadora pode alterar a realidade escénica, como múltiples posibilidades coreográficas poden coexistir e como o movemento pode chegar a ser unha metáfora do comportamento cuántico.
O taller convida artistas, bailaríns e, en xeral, a calquera persoa que sinta curiosidade pola danza e pola física cuántica a habitar o espazo entre o visible e o invisible, o tanxible e o potencial, xerando unha práctica que combina pensamento científico, intuición corporal e experimentación escénica.
MÁIS INFORMACIÓN E INSCRICIÓNS
27-28 NOVEMBRO
CONFERENCIA E CONCERTO DE RAKBAT-BI ABDYSSAGIN
Para esta última actividade, contaremos coa presenza do compositor, pianista concertista, teórico musical, investigador e doutor en filosofía Rakhat-Bi Abdyssagin (Almatý, Kazakistan, 1999). Coñecido como “o Mozart kazako”, compón música desde os 9 anos. É autor de óperas e de máis de cento cincuenta composicións musicais, desde pezas de cámara ata obras sinfónicas. A música de Rakhat-Bi foi interpretada en prestixiosas salas de concertos, como a Filharmónica de Berlín, a Konzerthaus de Berlín, a Konzerthaus de Viena, o Mozarteum de Salzburgo, o Carnegie Hall de Nova York ou o Royal Festival Hall de Londres.
Participou nas academias Impuls de Graz e noutros festivais. Desde os 13 anos imparte conferencias no ámbito internacional. É autor de artigos académicos e monografías. Aos 12 anos publicou unha recompilación das súas composicións musicais titulada Facets of Harmony. Aos 14 anos publicou unha obra única titulada Mathematics and Contemporary Music. Rakhat-Bi foi, ademais, profesor visitante nas universidades de Oxford, Cambridge e UCL.
No 2024, Springer Nature, prestixiosa editorial científica coñecida por lanzar as revolucionarias obras de Einstein, Planck, Pauli ou Heisenberg, publicou o libro do compositor kazako Quantum Mechanics and Avant-Garde Music: Shadows of the Void.
27 NOVEMBRO: Conferencia Quantum Mechanics and Avant-Garde Music: Shadows of the Void
Hora: 19:00 h | Lugar: Auditorio | Entrada libre ata completar a capacidade da sala
Neste faladoiro, o artista presentará e explicará para o público xeral os fundamentos do seu libro homónimo, publicado en 2024. A presentación abranguerá as diferentes conexións entre a física cuántica e a música contemporánea, desde interrelacións en perspectiva cronolóxica ata correlacións metafóricas entre fenómenos fundamentais da mecánica cuántica, como o principio de incerteza de Heisenberg, o principio de exclusión de Pauli ou o entrelazamento cuántico e o seu reflexo na estrutura de composicións musicais seleccionadas de Karlheinz Stockhausen, John Cage, Arnold Schönberg e outros, así como nas técnicas específicas de interpretación. Falará tamén do lugar que ocupaba a música clásica na vida e na obra de grandes científicos como Albert Einstein, Max Planck ou Werner Heisenberg, entre outros. Por último, haberá un espazo para a reflexión no que se abordarán os aspectos máis filosóficos da teoría cuántica e da relatividade.
VÍDEO DA CONFERENCIA Quantum Mechanics and Avant-Garde Music: Shadows of the Void
28 NOVEMBRO: Concerto de Rakhat-Bi Abdyssagin
Hora: 20:00 h | Lugar: Auditorio | Entrada libre e de balde ata completar a capacidade da sala
Rakhat-Bi Abdyssagin ofrecerá un concerto ao piano que percorrerá diversas épocas da historia da música con obras de Bach, Mozart, Beethoven, Chopin, Liszt e Scriabin, entre outros.
O recital concluirá con Rondine piangente, unha composición do propio Abdyssagin na que o autor entrelaza a súa linguaxe persoal coa tradición pianística que lle confire sentido ao programa.
