TALLERES DE NADAL 2024/2025

TALLERES DE NADAL 2024-2025

26 Decembro 2024 - 03 Xaneiro 2025
De 11:00 h a 13:00 h
Coordinación:
Virginia Villar
Matrícula:
de balde con inscrición previa

Coa chegada do Nadal, o CGAC presenta como, todos os anos, a súa proposta de actividades dirixidas a nenos e nenas de entre 4 e 9 anos.

Os e as participantes terán a oportunidade de vivir e de explorar a arte contemporánea da man da educadora e artista Rebeca Mariño.

Visitaremos as salas do propio museo na procura de inspiración para os nosos traballos. Transitaremos polos soños, viaxes e emocións de Mayte Vieta baixo a idea de espazo-refuxio que nos brinda a artista. Introducirémonos na vibrante instalación de Lois Patiño, activaremos a suxestiva obra de Laida Lertxundi e reflexionaremos sobre o uso e o abuso da paisaxe na peza audiovisual de Oliver Laxe.

Pintaremos, construiremos, usaremos sons, luces, sombras, superposicións de cores, filtros e os nosos corpos para crear. Imaxinaremos os nosos propios paraísos empregando diversos materiais, como teas, elementos brillantes ou obxectos e interviremos con eles o espazo do museo. Xogaremos coa música e coas palabras para narrar as historias agochadas nas obras de diferentes artistas.

 

PROGRAMA

XANELA AO PARAÍSO
26 e 27 de decembro
Horario: de 11:00 h a 13:00 h
Idade: de 4 a 6 anos
Prazas: 15
Imparte: Rebeca Mariño
Prazo de inscrición: do 11 de novembro ao 23 de decembro

A exposición de Mayte Vieta, O son do mar, será o punto de partida para indagarmos sobre a relación do noso corpo coa natureza e co mundo que nos rodea. Que sentimos cando paseamos por unha cidade? E cando camiñamos polo monte ou polo bosque? A que cheiran as árbores, as flores e a terra? Imaxinemos que subimos ao cumio dunha montaña para mirar o mundo desde arriba. Que escoitamos? Como estamos? E cando miramos a inmensidade do mar? Como sería vivir dentro da auga? Exploraremos o espazo máis descoñecido do mar mergullándonos nas súas profundidades para experimentar a sensación de calma, de silencio e de estarmos nun ecosistema sorprendente. Crearemos con elementos que brillen na escuridade, coma os peixes e as plantas abisais. Xogaremos con luces e filtros de cores.
Os lugares creados polos cineastas que expoñen no CGAC levarannos tamén a explorar a paisaxe a través do son, da imaxe velada, da nocturnidade ou da cor. Con estes parámetros crearemos os nosos novos imaxinarios.
Cal é o noso paraíso?

 

UNHA POSTAL ABISAL
2 e 3 de xaneiro de 2025
Horario: de 11:00 a 13:00 h
Idade: de 7 a 9 anos
Prazas: 20
Imparte: Rebeca Mariño
Prazo de inscrición: do 11 de novembro ao 30 de decembro

Narrar, relatar, referir, historiar... As persoas sempre procuramos xeitos de deixar a nosa pegada, de transmitir a nosa historia, a nosa experiencia, o noso coñecemento. A través da expresión artística, podemos comunicar as nosas ideas e pensamentos. Empregaremos a palabra, a pintura, a escultura, a fotografía, a música e o cinema co fin de compartirnos.
Neste taller, extraeremos as posibles historias agochadas nas paisaxes de Mayte Vieta e na exposición Novos imaxinarios. Construiremos sombras e xogaremos a relatar as nosas propias paisaxes e a poñerlle filtro á nosa realidade para descubrir novas perspectivas. Tamén viaxaremos a mundos abisais para capturalos en creativas postais e recrearemos os sons das profundidades empregando obxectos cotiáns como instrumentos musicais.

 

REALIZACIÓN DO PROXECTO

Rebeca Mariño

INSCRICIÓN

Os talleres son de balde. As solicitudes de inscrición poderán presentarse enviando a talleresdenadal@gmail.com unha mensaxe de correo electrónico. As persoas interesadas deberán indicar os seguintes datos: nome do taller no que desexan inscribirse, nome completo e idade dos nenos e nenas participantes, número de teléfono, enderezo electrónico e nome e número de DNI das persoas autorizadas a recoller os e as menores ao rematar a actividade.
Poderanse inscribir un máximo de dous participantes mediante cada solicitude. Cada unha das persoas solicitantes recibirá unha mensaxe electrónica de confirmación. As prazas cubriranse por rigorosa orde de inscrición.