CAMIÑOS III
Camiños III continúa o traxecto que se iniciou con Camiños I e no que se avanzou con Camiños II. O camiñar como acto persoal de activismo sociopolítico; como responsabilidade colectiva ante as crises medioambientais, pola súa correspondencia co inmediato, o observable e o perceptible. O camiñar como pegada cultural que condiciona a mirada e xera paisaxe e consecución da sensibilidade. O camiñar como fenómeno histórico que transcende as secuencias do tempo en constante contemporaneidade. O camiñar como exercicio de intermediación relixiosa e o seu destino. O camiñar como indumentaria de traballo.
Desde esas sendas, Camiños III entrecruza artistas e obras de xeracións, preocupacións e intereses diferentes, fundamentais para iniciarse nas diversas posicións que os situaron ante a acción creativa. Estes artistas atopan no tránsito, nos esforzos físicos dos percorridos, nos encontros relacionais, aleatorios ou provocados entre persoas, nas dinámicas complexas do territorio, nas xeografías físicas e psicolóxicas e nas circunstancias variables que todo iso supón os apoios para unha implicación entre os seus tempos e as súas derivas.
Camiños III mostra accións performativas rexistradas en vídeo, cadernos de campo e mapas, importantes fontes de información sobre o detemento concreto dos artistas no seu momento de determinación. Mostra instalacións específicas que se enmarcan nas paisaxes-encadramento de referencia e nas súas sonoridades. Expón estudos de implicación sobre os sistemas de zonificación específica (zonas urbanas, periurbanas e rurais) que os reconstruíron e condicionaron e que, polo tanto, crearon unha nova xeografía de uso. Tamén obras profundamente críticas sobre as imposicións políticas, as regulamentacións imperativas, as fronteiras e a loita pola supervivencia. E as reflexións íntimas que se miden no camiñar de contemplación, xeradoras dunha parte importante da historia humana evolucionada que se sementa desde eses posicionamentos artísticos.
Programa de performances
I Will Greet the Sun Again, performance-conferencia de Kubra Khademi
Xoves 17 de novembro
19:00 h | Auditorio do CGAC
Kubra Khademi (Kabul, Afganistán, 1989) é unha artista multidisciplinar e activista feminista, especialmente coñecida polas súas performances.
Desde a súa experiencia vital como exiliada e refuxiada, e tamén como nacionalizada francesa, relatará as transferencias entre o feminismo, o compromiso político e as súas translacións e reconversións no artístico.
Nalgunhas das súas accións anteriores, Khademi percorreu rúas ou instalouse en espazos de transición urbana, e dotouse de elementos primarios e de uso cotián —roupa, produtos de aseo elementais e mesmo outros que se poderían considerar impedimenta— para narrar que pode significar unha vida en constante extradición.
No CGAC, a súa performance-conferencia reflexionará sobre todo iso como muller, desde a súa tradición orixinal-familiar, desde as súas experiencias íntimas e sociais en Afganistán e Paquistán, e desde o seu activismo e compromiso como expatriada.
Horizonte/5 expandido, performance sonora de Juan Lesta e Marco Maril
Xoves 24 de novembro
19:00 h | Sala 1 da primeira planta do CGAC
Juan Lesta (A Coruña, 1971) dirixiu a súa actividade cara ao videoclip, á videocreación, á multimedia, á instalación e ao vídeo. É director, montador e produtor.
Marco Maril (México, 1974) músico e deseñador sonoro para proxectos audiovisuais e multimedia.
Durante media hora, a instalación Horizonte/5 modificará o seu ritmo audiovisual, e adaptarase á intervención sonora de Marco Maril, interpretada nese tramo de tempo. Juan Lesta e Marco Maril programarán de maneira conxunta unha sucesión de imaxes en movemento que se compasarán coa composición musical específica titulada Horizonte/5 expandido, variarán así a proxección dos vídeos sobre as súas pantallas e emitirán esas sonoridades momentáneas polas salas do CGAC.