CARLES FONTSERÉ E CAMILO JOSÉ CELA. NUEVA YORK AMARGA
O CGAC adquiriu en 2017 o arquivo fotográfico de Camilo José Cela, que ata ese momento estaba depositado na Fundación Camilo José Cela en Iria Flavia, en Padrón. Este arquivo está composto por tres conxuntos de fotografías e negativos que foron utilizados polo escritor para proxectos literarios e libros: o primeiro fórmano as fotografías e o negativos de Karl Wlasak, que se utilizaron para ilustrar a primeira edición de Viaje a la Alcarria (1948); o segundo, as fotografías e os negativos realizados por Enrique Palazuelo en Madrid a finais dos anos cincuenta e que Cela utiliza para escribir e ilustrar o seu proxecto literario Nuevas escenas matritenses; e, por último, as fotografías de Carles Fontseré realizadas a finais da década dos sesenta e durante os primeiros anos setenta en Nova York para que Cela escribise un libro dedicado a esta cidade norteamericana e titulado Nueva York amarga. O libro non chegou a publicarse xa que o autor apenas escribiu 5 capítulos, pero os textos manuscritos consérvanse no arquivo da Fundación Camilo José Cela en Padrón.
O conxunto deste fondo fotográfico vén encher parcialmente unha lagoa moi importante da Colección CGAC, a fotografía de carácter documental entre 1940 e 1990. O arquivo fotográfico de Camilo José Cela abre a colección do CGAC á futura adquisición e inserción nos fondos de fotografía documental realizada en Galicia por autores galegos como Raniero Fernández ou Virxilio Vieitez, ou foráneos como Anna Turbau ou Terré.
Co obxectivo de iniciar un proceso de investigación sistemático deste fondo, e en contacto coa Universidade de Barcelona, a través do grupo de investigación sobre Camilo José Cela dirixido polo catedrático Adolfo Sotelo, e coa Fundación Camilo José Cela de Padrón, impulsouse o proxecto sobre a relación entre o escritor de Iria Flavia e o fotógrafo catalán Carles Fontseré para o proxecto inconcluso Nueva York amarga.
A parte correspondente a Carles Fontseré, arredor de 350 fotografías en branco e negro, será utilizada nunha exposición específica sobre o proxecto Nueva York amarga. A exposición, que mostrará arredor de 140 destas fotografías, formula reconsiderar a historia deste proxecto non realizado poñendo en relación as fotografías enviadas por Fontseré a Cela e o epistolario que estes intercambiaron.
Por outra parte, tamén se expoñerán en vitrinas os orixinais manuscritos de Cela.
