CGAC 30 ANIVERSARIO. INTERVENCIÓNS ESPECÍFICAS NO EDIFICIO: ALMUDENA FERNÁNDEZ, SUSO FANDIÑO E ERNESTO NETO
Ao longo da súa historia, o CGAC foi amplamente recoñecido pola espectacularidade e sensorialidade das instalacións específicas e das intervencións realizadas en espazos emblemáticos do museo, como o vestíbulo, o Dobre Espazo, a terraza, a fachada ou mesmo o parque. Se por algo destacou o edificio que alberga o museo, deseñado polo portugués Álvaro Siza Vieira, é pola súa versatilidade e polas múltiples posibilidades que ofrece para o diálogo entre arte e arquitectura.
A celebración do 30 aniversario do CGAC pasa tamén por reivindicar os seus espazos como lugares abertos á experimentación e á reinterpretación plástica e permite constatar o acerto que no seu día supuxo a aposta decidida polo risco co fin de consolidar o prestixio do centro.
Desde o museo, quixemos aproveitar esta ocasión para revisitar unha das instalacións máis impresionantes da súa traxectoria, pero tamén para convidar os artistas Almudena Fernández Fariña e Suso Fandiño, que recentemente participaron no programa de exposicións de media carreira impulsado polo museo desde 2016, a realizaren dúas intervencións específicas no interior e no exterior do edificio, respectivamente.
ALMUDENA FERNÁNDEZ FARIÑA. FLOR E ACANTO
Hall
11 xullo 2023 - 14 xaneiro 2024
No marco da súa exposición individual Pisando charcos e como expresión da súa obra máis instalativa ou de pintura expandida, Almudena Fernández Fariña realizará unha pintura site-specific nas paredes do vestíbulo do centro. Este proxecto pictórico vincula os planos e as liñas do edificio de Siza Vieira coa ornamentación de follas de acanto presente na portada da igrexa do veciño convento de San Domingos de Bonaval.
SUSO FANDIÑO. O CGAC ESTÁ AQUÍ
Terraza
11 xullo 2023 - 29 outubro 2023
A intervención de Suso Fandiño, pola súa banda, consistirá na instalación na terraza do edificio dun rótulo luminoso, concibido como a afirmación da presenza do museo e da súa integración no tecido urbanístico e social de Santiago de Compostela. En O CGAC está aquí, Fandiño recorre á clásica icona de situación dos mapas turísticos e sitúao nun lugar visible a calquera hora do día ou da noite, tanto desde a rúa adxacente coma desde outros puntos máis afastados da cidade.
O artista xa utilizou esta mesma icona de maneira recorrente sobre mapas militares de Siria nunha serie pertencente á Colección CGAC, aínda que nese caso o facía cun propósito distinto: subliñar a relatividade da información con respecto ao espazo, como un recurso de memoria e conciencia.
ERNESTO NETO. A PROFUNDIDADE DO CORPO, A ONDA
Dobre Espazo
29 setembro de 2023 - 14 xaneiro 2024
A profundidade do corpo. A onda é, sen dúbida, una das instalacións máis impresionante e lembrada da historia do museo. Concibida por Ernesto Neto para a exposición individual A paisagem do corpo e o corpo da paisagem, organizada polo CGAC en 2001, esta peza utiliza cúrcuma e cravo dentro dunha forma flexible de licra que ocupa o Dobre Espazo. A peza lembra as formas orgánicas do interior do corpo, vísceras quizais, distorsionadas por unha certa visión de raíces surrealistas. A obra de Ernesto Neto neses anos caracterizábase pola creación de espazos penetrables que se convertían en ambientes e, a miúdo, recorría ás especias para alentar unha experiencia olfactiva. É un xeito de que todo o corpo se vexa inmerso na experiencia estética e, neste caso concreto, a dimensión arquitectónica de proporcións xigantescas acentúa o carácter onírico da obra.
