Carrusel de imaxes de exposición

Misha Bies Golas
Misha Bies Golas
Misha Bies Golas
Misha Bies Golas
Misha Bies Golas
Misha Bies Golas
Pausa
  • 0
  • 1
  • 2

Misha Bies Golas

22 Maio 2026 - 06 Setembro 2026
Planta baixa e Dobre Espazo
Comisariado:
Juan de Nieves

A mediados dos anos noventa, un novo Misha Bies Golas (Lalín, Pontevedra, 1977) descobre o CGAC desde unha sorte de pulsión e curiosidade pola institución que acababa de ser fundada en Santiago de Compostela. As exposicións de artistas como Giovanni Anselmo, Christian Boltanski ou Marcel Broodthaers foron entendidas e dixeridas como dispositivos de apertura, e activaron unha forma de relación coa arte desligada do coñecemento disciplinar e centrada na experiencia sensible. Este primeiro contacto anticipa unha constante na súa práctica: a construción de saberes non normativos a partir do facer e do encontro cos materiais.

Trinta anos despois, o artista regresa ao CGAC cun proxecto que condensa máis de dúas décadas de investigación ao redor das vangardas históricas da primeira metade do século XX, entendidas non como un conxunto pechado de estilos ou linguaxes, senón como un campo de tensións, desprazamentos e procesos inacabados. A súa aproximación sitúase nunha zona crítica respecto dos relatos teleolóxicos da modernidade, incorporando tanto os seus logros formais como as súas zonas de fricción, as súas derivas periféricas e os seus accidentes materiais.

A exposición articúlase como unha instalación específica de carácter expandido que funciona simultaneamente como arquivo activo, laboratorio formal e dispositivo espacial. Lonxe dunha lóxica retrospectiva lineal, o percorrido propón unha lectura rizomática da produción do artista ata a data, na que obras de distinta escala e natureza se interconectan mediante afinidades formais, materiais e conceptuais. Nesta armazón emerxen resonancias con certos autores, así como con contextos culturais diversos, entendendo a(s) vangarda(s) como procesos de tradución e adaptación situadas historicamente.

A ocupación da planta baixa do CGAC exponse como un campo de forzas no que se dispoñen máis dun centenar de esculturas e pequenas pinturas biomórficas ou amebiformes. Estas pezas salientan a manualidade, a economía de medios e a axencia dos materiais, incorporando o erro, a mutabilidade e a continxencia como estratexias produtivas que cuestionan as xerarquías da alta cultura moderna.

O Dobre Espazo —cuxa apertura se sucederá nun segundo momento (a partir do 12 de xuño)— concíbese como unha instalación aérea da cal penden formas orgánicas de pel, e xeran un teatro de sombras que introduce unha dimensión temporal e performativa no percorrido.

No seu conxunto, a exposición configúrase como unha estrutura aberta e vectorial, próxima ao metarrelato, onde a disposición das obras nas paredes, nos chans e nos teitos remite ao espazo do taller como modelo epistemolóxico: un lugar de ensaio continuo no que forma, pensamento e materia se producen de maneira simultánea.